Descripcion:
Partindo da idea do actual grupo de investigación, do que son investigadora principal, (Estudo sociolingüístico contrastivo entre o (baixo)alemán e o galego e da súa fraseoloxía como símbolo de identidade [PGIDIT04PXIA20402PR]) co presente proxecto, pretendo poñer de manifesto os puntos de concordancia existentes entre a fraseoloxía e a paremioloxía do territorio (do sul) de Galicia cos do Norte de Portugal.
Os repertorios idiomáticos considéranse unha das fontes máis relevantes para analizar a idiosincrasia dunha comunidade lingüística e representan o máximo expoñente do seu acerbo cultural e social dende un punto de vista diacrónico.
Tendo en conta o intercambio cultural que estivo vixente nos últimos seis séculos entre ámbalas dúas comunidades, poñeremos en marcha unha investigación centrada nos paralelismos existentes en canto aos idiomatismos de ámbolos dous espacios para logo, nunha segunda fase, interrelacionalos con conclusións extraídas doutras investigacións fraseolóxicas de linguas en contacto no marco europeo.
Trátase, pois, de desenvolver unha base de datos informatizada co material pertinente para constatar os casos de interferencia típicos das linguas en contacto e extraer as lóxicas conclusións sobre a lingua dominante neste tipo de trasvases.
Temos contacto con investigadores da Universidade de Coimbra (prof. Schemann, destacado fraseólogo) e da Universidade de Trás-Os-Montes e Alto Douro, cos que seguiremos en colaboración se se nos concede este proxecto.
Esta investigación enmarcámola dentro da nosa actividade investigadora e organizadora multidisciplinar, da que son fruto tamén o curso de verán da USC que se celebra este verán (Recursos e aplicación da fraseoloxía e paremioloxía no ámbito laboral (galego, castelán, francés, inglés e alemán) e o Congreso Internacional de Fraseoloxía e Paremioloxía (web: cifp2006.com; setembro 2006).
A finalidade dun proxecto lingüístico destas características é evidente para incentivar o coñecemento, recoñecemento e apoio institucional da Eurorrexión.