O GRUPO DE TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN DA UVIGO COLABORA COA GARDA CIVIL NA OPERACIÓN TELÉMACO CONTRA A PORNOGRAFÍA INFANTIL
En cooperación co Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, Gradiant.
A ferramenta VICUS mellora a detección e identificación de intercambios pedófilos.
O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicación e Gradiant desenvolveron e transferiron á Garda Civil unha ferramenta innovadora que mellora a capacidade de detección e identificación de intercambios pedófilos na rede dos sistemas anteriormente utilizados. Baixo o nome de VICUS, este novo aplicativo permitiu a detección e imputación de 19 persoas no marco da operación Telémaco como presuntos autores dun delito de corrupción de menores, pola realización, tenencia e distribución de pornografía infantil.
Tras un ano e medio de traballo conxunto do Grupo de Tecnoloxías da Información e Gradiant (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia), esta é a primeira operación na que Garda Civil emprega este aplicativo de busca avanzada en redes P2P, detectando o intercambio de ficheiros informáticos con este contido en dúas destas redes. Os investigadores da Universidade asumiron as tarefas de investigación e desenvolvemento e Gradiant asumiu as tarefas de transferencia e profesionalización da I+D deste sistema pioneiro.
Resultados en curto prazo.
O Grupo de Delitos Telemáticos da Garda Civil puxo en marcha esta operación o pasado 16 de maio, detectando ata o día 24 do mesmo mes numerosos positivos no territorio español, sempre con máis de quince arquivos. Tras un filtrado dos resultados, obtivéronse 24 liñas de conexión en 16 provincias diferentes, co resultado de 13 persoas detidas e 6 imputadas nas últimas horas. A rápida obtención de resultados empregando o VICUS amosa o alto nivel da ferramenta na detección deste uso delictivo das redes peer-to-peer.
Como consecuencia dos rexistros o Equipo de Investigación Tecnolóxica interveu gran cantidade de arquivos videográficos de escenas de pornografía, dándose casos de usuarios con miles de arquivos videográficos no seu poder. As investigacións apuntan tamén a que dous dos detidos producían presuntamente este tipo de material e tiñan no seu poder material tecnolóxico para gravar vídeos de menores a gran distancia, así como teleobxectivos fotográficos.
Todos os detidos e imputados se atopan a disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, encargado de dirixir a operación e, nas próximas horas, por parte do titular de este Órgano Xudicial, recibirase a declaración dos detidos máis relevantes.
Primeiro paso dunha liña de colaboración.
O grupo de investigación GTI da Universidade e Gradiant sentan así as bases para futuras colaboracións coa Garda Civil neste tipo de delitos telemáticos a nivel nacional. Así valorarán posibles liñas de colaboración neste eido e, en breve, asinarase o convenio entre Gradiant e a Garda Civil que establecerá un marco oficial de colaboración.
Fonte: http://duvi.uvigo.es