Oficina CEER
 15-10-2010
DÚAS INVESTIGADORAS DA USC, SELECCIONADAS PARA PARTICIPAR NA CITA ANUAL DOS TOXICÓLOGOS FORENSES NORTEAMERICANOS

Para o persoal investigador europeo resulta complexo conseguir acceder a este encontro de máxima relevancia científica.

As investigadoras do Instituto de Ciencias Forenses da USC Marta Concheiro Guisán e Ana de Castro Ríos viaxarán este venres a Richmond (EE.UU.) para participar a vindeira semana no congreso que anualmente celebran os toxicólogos forenses norteamericanos e no que a presenza europea é moi contada. Marta Concheiro, investigadora Parga Pondal, e Ana de Castro, investigadora Ángeles Alvariño, presentarán alí os seus respectivos traballos sobre a exposición a buprenorfina e metadona en mulleres embarazadas e a súa correlación coa clínica dos neonatos.

Os traballos que estas dúas investigadoras presentarán como relatorios esta fin de semana na cidade norteamericana foron seleccionados pola Sociedade Americana de Toxicoloxía Forense entre máis de trescentos.

Drogas e embarazadas.
Trátase de parte da investigación realizada durante a súa estancia no National Institute on Drug Abuse (NIDA, Baltimore) baixo a dirección da doutora Marilyn Huestis. Nese instituto ambas investigadoras traballaron en ensaios clínicos levados a cabo en colaboración coa Universidade Johns Hopkins sobre o estudo de tratamentos de deshabituación de mulleres embarazadas opiáceo-dependentes con metadona e buprenorfina. Concretamente centráronse no estudo da distribución de metadona, buprenorfina e os seus metabolitos na placenta e o cordón umbilical e das posibles correlacións existentes entre as concentracións atopadas nesas matrices e a evolución clínica dos recén nacidos.

A existencia desas correlacións pode ser de grande interese para os neonatólogos xa que, explican, ademais de establecer o diagnóstico podería predicir a evolución clínica dos neonatos e a necesidade de tratar o síndrome de abstinencia derivado da exposición in utero a estas drogas.

Camiños futuros.
As dúas científicas, que desenvolven o seu traballo no grupo que dirixe o profesor Manuel López-Rivadulla, están abrindo agora novas vías de investigación nas consecuencias que ten sobre a saúde do recén nacido o consumo de axentes psicoactivos durante a xestación. De feito, pensan continuar co estudo desas matrices alternativas, cordón umbilical e placenta, debido aos descubrimentos prometedores -“aínda que preliminares”, matizan- sobre a súa utilidade no diagnóstico da exposición intra-útero a substancias de abuso.

Ana de Castro.
Ana de Castro estudou Farmacia na Universidade de Santiago entre os anos 1997-2001, realizando os estudos de doutoramento e a tese no Departamento de Anatomía Patolóxica e Ciencias Forenses. Durante estes anos traballou no desenvolvemento de varias metodoloxías analíticas para a determinación de substancias orgánicas de interese toxicolóxico en distintos medios biolóxicos (plasma, orina, fluído oral, etc) a raíz da súa participación en dous proxectos europeos encamiñados a estudar o consumo de substancias psicoactivas nos condutores vcomo son ROSITA e DRUID.

Como investigadora realizou estadías en Reino Unido, Finlandia, Bélxica e Estados Unidos, participando neste último país nunha liña de investigación para a detección da exposición fetal a drogas durante o embarazo, que será o que expoña no congreso de Richmond. En concreto, desenvolveu un método analítico mediante LC-MSMS para a determinación de metadona, cocaína, opioides e os seus principais metabolitos en placenta e cordón umbilical que se aplicou a mostras procedentes de embarazadas a tratamento de deshabituación con metadona para estudar a distribución destas drogas en placenta e cordón umbilical. Ademais, avaliouse a posible correlación entre os niveis de metadona nesas mostras e a dose de metadona administrada, así como cos efectos producidos no neonato.

Marta Concheiro.
Licenciada en Farmacia e doutorada na USC, Marta Concheiro obtivo o Premio Extraordinario de licenciatura da Universidade de Santiago, da Xunta de Galicia e do Ministerio de Educación e Ciencia. Realizou os seus estudos de doutoramento no Servizo de Toxicoloxía Forense onde aprendeu o manexo da técnica cromatografía de líquidos acoplada a espectrometría de masas que aplicou á análise de mostras de orixe clínica e forense. Ao igual que de Castro, Marta Concheiro traballou estes anos nos proxectos ROSITA e DRUID project.

Durante a súa estancia no Instituto de medicina Legal e Medicina Social de Estrasburgo (Francia) participou na investigación de casos de sumisión química, que consiste na administración de substancias psicoactivas a unha persoa con fins delitivos ou criminais. Dado que o número de substancias que poden ser empregadas é enorme, a investigación é nestes casos un verdadeiro reto toxicolóxico.

Na súa estadía no NIDA Concheiro centrouse tamén no estudo da drogodependencia en mulleres embarazadas e o efecto producido nos neonatos.

Fonte: http://xornal.usc.es