Oficina CEER
 22-10-2010
UN OBRADOIRO ANALIZA O ESTADO ACTUAL DAS INVESTIGACIÓNS SOBRE PODER, IMAXE, OPINIÓN PÚBLICA E PROPAGANDA NA IDADE MODERNA

Poder, imaxe, opinión pública e propaganda na Idade Moderna’ é o lema elixido para a cuarta edición do seminario ‘Obradoiro de Historia Moderna’, que se vai celebrar os días 28 e 29 próximos na Facultade de Xeografía e Historia da USC. A formación, desenvolvemento e uso das representación do poder nesta época histórica multiplicouse de xeito extraordinario nos últimos anos, alcanzando ao mesmo tempo consistencia e solidez. O prazo de inscrición remata este venres 22.

O traballo investigador neste ámbito iníciase coa recompilación de informacións eruditas e detalladas de carácter literario e iconográfico para pasar á súa análise interna e contextualización. Acádase así un máis amplo e profundo coñecemento do seu significado e das súas funcións políticas, sociais e culturais.

Este cuarto seminario que organiza o grupo de investigación de Historia Moderna da USC medirá o estado actual das investigacións neste eido, en especial da historiografía modernista española e galega, favorecendo o necesario debate sobre cuestións metodolóxicas e estudos máis recentes.

As intervencións programadas abordarán cuestións básicas como a construción simbólica do poder rexio, as representacións doutros poderes como o eclesiástico e o nobiliario, os recursos propagandísticos postos ao servizo do poder e a propaganda bélica na Ideade Moderna.

Fonte: http://xornal.usc.es/