Oficina CEER
 02-11-2010
XORNADAS DE SENSIBILIZACIÓN SOBRE INMIGRACIÓN

Expertos en cooperación intercambian experiencias nas xornadas sobre inmigración que organiza a Oficina de Voluntariado da UDC.

O edificio Xoana Capdevielle, no campus de Elviña, acollerá os días 2 e 3 de novembro as VIII Xornadas de Sensibilización sobre Inmigración, Interculturalidade e Cooperación, organizadas pola Oficina de Cooperación e Voluntariado da Universidade da Coruña. O obxectivo deste encontro é sensibilizar e aportar reflexións para un maior coñecemento do contexto en que se desenvolve o traballo co colectivo inmigrante. Nesta edición do ano 2010, a crise económica será o fío condutor das mesas de traballo, nas que se abordarán as repercusións da actual situación na inmigración, a cooperación e o desenvolvemento.
A presentación destas xornadas celebrarase o 2 de novembro ás 16.15 horas, a cargo do director da Oficina de Voluntariado, Luís Hervella. Ao longo das sesións abordaranse temas como as remesas monetarias, referíndose en concreto ao caso mexicano, así como os efectos da crise no caso de Galicia ou a influencia dos estudantes estranxeiros de posgrao no ámbito do codesenvolvemento. Entre os expertos que participarán figuran técnicos en cooperación de diferentes ONG, así como membros da comunidade académica como o profesor da Autónoma de Madrid Juan Carlos Gimeno, que é director dos Programas Internacionais con América Latina desta universidade, ou o doutor en socioloxía e profesor da Universidade de Alacante Carlos Gómez Gil, que é director do Observatorio Permanente de Inmigración desa institución académica. Tamén intervirán Viviana Cárdenas, presidenta da Asociación Pangea Socioambiental e membro da Asociación de Estudantes e Investigadores Estranxeiros da Autónoma, así como Íñigo Moré, director do Centro de Investigación Remesas.org e especialista en comercio internacional, ou Eugenia Aguani, membro de El Colegio de la Frontera Norte de México e profesora visitante da UDC.

Fonte: http://www.udc.es