Oficina CEER
 09-11-2010
CARLOS FERRÁS SEXTO, DIRECTOR DA FUNDACIÓN CEER GALICIA-NORTE DE PORTUGAL: "DEMOSTRAMOS QUE A COLABORACIÓN NA EURORREXIÓN É POSIBLE E ADEMAIS RENDIBLE"

A entidade busca aproveitar sinerxías entre as universidades das dúas beiras do Miño nun proxecto no que ademais toman parte as administracións e ó que tamén se van poder incorporar as empresas, aproveitando as vantaxes da cooperación en diversos proxectos.

O profesor da Universidade de Santiago Carlos Ferrás dirixe desde o ano 2004, data na que se puxo en marcha oficialmente, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, que foi constituída polas seis universidades públicas existentes en Galicia e o Norte de Portugal e que traballa para facer destas terras habitadas por seis millóns e medio de persoas unha auténtica Eurorrexión do Coñecemento.

¿Cales son os obxectivos principais da Fundación?

Contamos cun Plan de Acción 2007-2013 coa idea de crear un espazo común entre Galicia e o Norte de Portugal para a investigación pero tamén para a cultura ou para o deporte. Hai que aproveitar sinerxías, redes, colaboración entre grupos de investigación... e recentemente os reitores asinaron un convenio para poñer en marcha titulacións conxuntas. Outro dos obxectivos é fomentar a mobilidade dentro da Eurorrexión tanto entre o profesorado como entre o alumnado. Entre as seis universidades que forman parte da Fundación suman 140.000 estudantes e 12.000 profesores e investigadores. É unha masa crítica semellante á da área metropolitana de Barcelona, e grazas a iso pódese optar a conseguir máis fondos para investigación, formación e innovación.

¿Que proxectos está a desenvolver actualmente a Fundación?

Entre outras cousas traballamos nun campus virtual con tecnoloxía da Web 2.0. E tamén no que se refire a internet, a web da Fundación, www.fceer.org, está entre as webs europeas máis visitadas sobre temas transfronteirizos. Na presenza da Fundación en internet apostamos polas redes sociais para chegar a estudantes e profesores e seguimos unha estratexia de capilaridade, coa que conseguimos un grande impacto e un moi bo posicionamento en información sobre cooperación transfronteiriza, un xeito de traballar moi diferente ó dos lobbys que envían a información de arriba cara a abaixo.

¿Están a colaborar tamén co mundo empresarial?

Si, a idea é traballar estreitamente coas empresas e especialmente nun proxecto conxunto de Instituto Internacional de Posgrao, que a través do financiamento europeo puidese permitir ofrecer formación continua para os empresarios, para os parados e para os traballadores, por medio de cursos en liña. A idea é construír unha plataforma universitaria semellante á da Universitar Oberta de Catalunya, a UOC, que sería conxunta das seis universidades. E queremos convidar a Confederación de Empresarios de Galicia e a principal asociación de empresarios de Portugal a que participen no padroado da Fundación.

Apostan forte polo emprego das novas tecnoloxías...

Hai que aproveitar as vantaxes da Sociedade da Información, das ferramentas de comunicación que nos achega internet, por exemplo nós publicamos un xornal na web, así como unha axenda de actos. E creamos un club de lectura no que participan centros de ensino medio de Galicia e do Norte de Portugal. Hai ademais unha unidade de comunicación da ciencia e un museo virtual que é pioneiro no ámbito ibérico, e traballamos nun sistema para axudar os estudantes do programa Erasmus a localizar pisos nas cidades de destino. Así mesmo, temos foros, enquisas sobre a calidade do ensino e unha revista científica da que xa se publicaron tres números e que agora vai comezar unha nova etapa, na que esperamos contar cunha maior colaboración por parte dos gabinetes de prensa das universidades, para dar a coñecer as investigacións que se están a desenvolver nelas.

¿Como valora a cooperación entre as universidades das dúas beiras do Miño?

É moi positiva. Demostramos que a colaboración na Eurorrexión é posible e ademais rendible. A Eurorrexión do Coñecemento é un exemplo para seguir, estase a conseguir unha verdadeira cooperación, o que non se logra hoxe en día cos aeroportos, cos portos ou coas estradas. As universidades demostran que realmente é posible.

. INNOVACIÓN

Liñas de traballo do grupo GIST

¿Que tal funciona o máis recente proxecto do grupo GIST, a web galiciaautentiga.org?

Céntrase no márketing territorial en liña, e vai enchéndose de contidos. Xa hai 25 rutas por toda Galicia, e a web está aberta a calquera persoa interesada en participar. Achega información sobre turismo alternativo ó tradicional, buscando a desestacionalización máis alá das épocas máis turísticas coma o Xacobeo ou o verán. Todas as comarcas teñen algo que mostrar, e hai xente que nos chama desde Cataluña, Asturias, Castela ou Andalucía para pedir información e mesmo guías. E en canto a proxectos de futuro, queremos estudar a visibilidade das webs dos municipios españois na rede.

O PERFIL

Carlos Ferrás Sexto (Santiago, 1965) é profesor titular de Xeografía Humana na Facultade de Xeografía, Historia e Historia da Arte e director do Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIST) da Universidade de Santiago. Desde o GIST naceron interesantes proxectos como www.infobrion.com, www.granxafamiliar.com ou www.galiciaautentica.org. Ademais, desde 2004 é o director da Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (FCEER), unha entidade sen ánimo de lucro constituída polas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña, Vigo, Porto, Minho e Trás-os-Montes e Alto Douro, e na que colaboran a Xunta de Galicia e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.

Fonte: http://www.galiciahoxe.com