Oficina CEER
 12-11-2010
PARTICIPA NO NOVO PROGRAMA DIVERCIENCIA GRANXAS DIXITAIS GALICIA 2010

O Grupo de Investigación Sociedade, Tecnoloxía e Territorio (GIS-T), organiza un novo proxecto GRANXAS DIXITAIS 2010, centrado no coñecemento do medio rural a partir das tecnoloxías dixitais. O proxecto foi deseñado como unha oportunidade para os escolares, que teñen a posibilidade de empregar as novas tecnoloxías como medio de achegarse ao mundo rural, ao tempo que se relacionan con Internet dun xeito didáctico e tamén divertido, vencendo deste xeito a Fenda Dixital que sofre Galicia. A experiencia complementase cunha serie de visitas guiadas ás granxas que previamente tiveron ocasión de visitar virtualmente, superando parcial ou totalmente a visión negativa que se ten moitas veces do rural.

Escolares das catro provincias galegas foron os principais actores beneficiados do proxecto no 2008. A formación TIC, o coñecemento do eido rural galego visitando as granxas e museos rurais, e a participación en obradoiros agrarios foron actividades desenvolvidas no proxecto, baixo a supervisión do persoal investigador do GIS-T IDEGA. Ao mesmo tempo, os granxeiros tamén adquiriron un grao importante de participación, xa que foron eles os encargados de recibir e amosar as súas granxas aos estudantes. A integración entre os granxeiros e os rapaces foi especialmente positiva como canle de comunicación entre a Galicia rural e a Galicia urbana. En total participaron no proxecto cerca de 400 persoas entre escolares, granxeiros e técnicos do GIST. Ademais, os obradoiros dixitais de introdución ás TIC e tratamento de recursos dixitais das granxas visitadas foron abertos para pais e alumnos.

Os beneficios do proxecto foron dobres. Por un lado, os máis novos tiveron a oportunidade de achegarse á riqueza do eido rural galego empregando como ferramentas estratéxicas as novas tecnoloxías dun xeito ameno e didáctico. A través das enquisas realizadas polo grupo de investigación GIS-T IDEGA, os rapaces deixaron constancia dos seus desexos por repetir as actividades. Por outro lado, a actividade cumpriu o seu obxectivo de promover a participación dos cidadáns nas actividades de ciencia, innovación, tecnoloxía e emprendedurismo, e facer da sociedade galega, en particular dos máis novos, unha sociedade ben informada no ámbito da ciencia e a tecnoloxía na sociedade da información.

Partindo do proxecto GRANXAS DIXITAIS, foron creados para todo o público galego e español unha serie de museos didácticos virtuais destinados ao coñecemento xeral das TIC e do eido rural galego elaborados coas reportaxes virtuais multimedia realizadas polos técnicos do grupo de investigación GIS-T IDEGA durante as visitas dos escolares ás granxas. Os museos didácticos están dispoñibles na plataforma dixital www.granxafamiliar.com

O proxecto GRANXAS DIXITAIS foi seleccionado como caso de éxito de divulgación estatais e galegos pola Dirección Xeral de I+D+i da Consellería de Innovación e Industria.

Debido ao éxito alcanzado polo proxecto, o GIS-T IDEGA propón unha segunda edición de GRANXAS DIXITAIS en novembro de 2010 coincidindo coa Semana da Ciencia, que pretende ampliar o número de escolares que poidan beneficiarse do proxecto, así como so museos didácticos virtuais postos á disposición do público en xeral a través do portal www.granxafamiliar.com

En definitiva, coidamos que a aplicación dunha segunda edición do proxecto DIVERCIENCIA GRANXAS DIXITAIS propiciará unha serie de efectos moi beneficiosos:

1. Mostrar á sociedade galega a riqueza do eido rural galego, empregando como ferramentas estratéxicas as TIC.

2. Facer da sociedade galega unha sociedade ben informada no ámbito da ciencia e a tecnoloxía na Sociedade da Información.

3. Promover un maior recoñecemento social das actividades de investigación, desenvolvemento e innovación das universidades galegas como posibles axentes de desenvolvemento da economía galega.

4. Promover a participación dos cidadáns nas actividades de ciencia, innovación, tecnoloxía e emprendedurismo propostas polo proxecto DIVERCIENCIA GRANXAS DIXITAIS. As principais liñas de actuación do proxecto incidirían en:

4.1. O proxecto DIVERCIENCIA GRANXAS DIXITAIS permite coñecer a realidade rural galega física e virtualmente. Por tanto, unha das intencións claras do proxecto é promocionar e difundir o emprego das TIC no conxunto da sociedade galega, especialmente entre os colectivos máis desfavorecidos e alleos á nova realidade social e económica que xurde coa Sociedade da Información.

4.2. As TIC rompen as barreiras físicas entre a Galicia urbana e a Galicia rural. A paisaxe, as tradicións, os costumes e a agricultura natural xorden nun novo eido rural máis próximo ós espazos urbanos.

4.3. As TIC poñen en contacto directo ás pequenas explotacións galegas co mercado, evitando as comisións dos intermediarios e conformando un comercio máis xusto para os agricultores e gandeiros galegos e galegas. A sociedade galega, especialmente os escolares e os universitarios, teñen a oportunidade de apreciar novas oportunidades de negocio a través da innovación.

4.4. Os centros de educación, as asociacións e os colectivos de Galicia teñen a posibilidade de coñecer e visitar a Galicia rural a través do portal www.granxafamiliar.com, fortalecendo deste xeito o seu contacto coas TIC. As visitas virtuais, complementaríanse con visitas guiadas a granxas escollidas por ser un exemplo de boas prácticas.

5. Unha boa oportunidade para presentar a experiencia na Semana da Ciencia, coa participación en talleres dixitais de centros de ensinanza de primaria e secundaria, colectivos de discapacitados e colectivos civís de Galicia.

O proxecto DIVERCIENCIA GRANXAS DIXITAIS ten carácter aberto e gratuíto para tódolos centros de ensinanza, asociacións e colectivos de Galicia interesados en participar na experiencia.

PROGRAMA:

-Luns 15 de novembro, Colexio López Ferreiro (Santiago)

Grupo 1: Visita á Pazo de Sabadelle (Chantada, Lugo) Grupo 2: Visita á Granxa Agro do Cruceiro (Coristanco, A Coruña)

-Martes 16 de novembro, Colexio Pío XII (Santiago)

Grupo 1: Visita á Casa dos Caseiros (Ponteceso, A Coruña)

Grupo 2: Visita á Granxa Agro do Cruceiro (Coristanco, A Coruña)

Grupo 3: Visita á Casa dos Fungos (Melide, A Coruña)

-Mércores 17 de novembro, Colexio San Pedro de Visma (A Coruña)

Grupo 1 : Visita á Visita á Pazo de Sabadelle (Chantada, Lugo)

Grupo 2: Visita á Casa dos Fungos (Melide, A Coruña)

-Xoves 18 de novembro, IES Rosalía de Castro (Santiago)

Grupo 1: Visita á Pazo Sabadelle (Lugo)

-Venres 19 de novembro, Colexio Amadeo Barroso (Ourense)

Grupo 1: Visita á Casa do Xurés (Lobios, Ourense)

Fonte: http://www.gist.es