Oficina CEER
 09-12-2010
MÉXICO E EEUU MIRAN CON ENVEXA O MODELO DE EURORREXIÓN

A cooperación local transfronteiriza, a análise.

A tese de doutoramento do profesor Enrique Varela confirma o éxito das políticas de xestión local do Eixo Atlántico.

Cooperar é o futuro. As dúas décadas de vida do Eixo Atlántico xa poden considerarse todo un éxito na xestión de proxectos de cooperación transfronteiriza, agora certificado polo profesor de Ciencia Política e da Administración da Universidade de Vigo Enrique Varela na súa tese de doutoramento Xestión e gobernanza local en perspectiva comparada entre Galicia e o norte de Portugal, na que por primeira vez se deseña un modelo de análise de caso para a cooperación local a ambos lados da raia. Cinco anos de investigación que deixan claro que aos concellos non lles queda máis remedio que colaborar se queren pensar no futuro, sobre todo tendo en conta que a partir de 2013 a situación endurecerase pola diminución de orzamentos. A crise é unha oportunidade para deixar de mirar cara o embigo e deixar de ver aos demais como competidores. Debemos ver ao veciño como algo próximo e necesario, recalca Varela.

Tal é o precedente que senta a Eurorrexión que México e Estados Unidos están interesados en implantar estas boas prácticas nos municipios das súas fronteiras, aínda que están a buscar a forma de facelo efectivo porque non dispoñen un marco como o da Unión Europea, tan pautado e estruturado. No vello continente esta experiencia entre Galicia e o norte de Portugal é extrapolable e exportable a espacios moi dinámicos, como o Báltico ou os límites entre Alemania, Bélxica e Francia, territorios máis centralizados e todos eles cun Produto Interior Bruto máis elevado. Deste xeito a fronteira deixa de ser unha barreira para convértese nun paso para o intercambio na que os implicados aforran cartos e esforzos técnicos, xa que non é o mesmo deseñar unha metodoloxía e contratar un equipo que ter que multiplicalo por 34, recoñece.

Esta forma de entender a política local deixa atrás as consideracións legais de competencias e servizos, os conceptos tradicionais de xestión municipal, para involucrar de xeito directo a técnicos e cidadáns. Segundo recolle a investigación do profesor Enrique Varela, a realidade máis común na galaxia local ibérica revela a aposta das institucións locais por programas de xestión de carácter departamental, non transversal e orientada sempre á resolución dun problema concreto.

Os concellos do interior, os máis interesados.
Os 34 municipios galegos e lusos que integran o Eixo Atlántico foron quen de crear liñas de traballo comúns en materia de desenvolvemento sostible e de modernización e innovación administrativa coas Axendas 21 Locais e as Axendas Locais Dixitais. Sempre grazas a unha implicación clara dos técnicos, ás gañas de entenderse mesturando galego e portugués e a que as siglas políticas quedan nun segundo lugar, resume o profesor, aínda que a participación é asimétrica: os concellos pequenos suplen a falta de recursos con horas e ilusión e os grandes a falta de tempo facilitando o engrenaxe administrativo. O único problema é deixar moi claros os conceptos contedor no que cada concello quere traballar.

Os dirixentes están claramente convencidos de hai que deixar os localismos a un lado e en Galicia xa hai dúas asociacións voluntarias que intentan organizar estratexias de cooperación. Os concellos do interior, fóra dos fluxos habituais, sempre son os que teñen máis interese e botan man do que Enrique Varela acuña como glocalización, do impacto que ten a globalización no eido local sobre todo de cara a captar fondos europeos. Trátase de aproveitar todos os medios ao teu alcance, como Internet, para conseguir unha visibilidade a nivel internacional. Quen mellor colleu o testemuño desta idea foi Santiago de Compostela, que preside a Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas, unha entidade ibérica na que participan 12 entidades (entre elas o Eixo Atlántico) que traballan para promover o desenvolvemento socioeconómico nos territorios da fronteira e contar cunha voz única diante dos gobernos de España e Portugal e da Unión Europena no momento no que se negocian en Bruxelas os fondos para 2014/2020.

Fonte: http://duvi.uvigo.es