O responsable de Proxectos de Greenpeace, J. Luis García
Oficina CEER
 16-12-2010
AS NECESIDADES ENERXÉTICAS MUNDIAIS PODERÍAN CUBRIRSE PERFECTAMENTE CON RECURSOS RENOVABLES

Segundo o responsable de Proxectos de Greenpeace, J. Luis García.

A EU de Enxeñaría Técnica Industrial da UVigo acolle unhas xornadas sobre enerxías renovables e desenvolvemento.

Os recursos renovables mundiais, como a enerxía solar, a eólica, a xeotérmica e a hidráulica, entre outras moitas, son perfectamente capaces de cubrir a demanda enerxética da poboación mundial. Así o puxo de manifesto José Luis García, responsable de Proxectos de Greenpeace, nunha conferencia enmarcada nas IV Xornadas de Enerxías Renovables e Desenvolvemento Humano, que ofreceu na EU de Enxeñaría Técnica Industrial.
Organizados por Enxeñería Sen Fronteiras Galicia en colaboración coa Universidade de Vigo, os relatorios teñen por obxectivo amosar como a falta de acceso a recursos economicamente accesibles, fiables, seguros e respectuosos co medio ambiente crea severas restricións no progreso económico e social, que dunha forma indisoluble está vinculado ao desenvolvemento humano.

Tras ser inauguradas polo catedrático da Universidade de Vigo, José Cidrás, as xornadas abordarán ata o vindeiro venres temas tan diversos como o ciclo do uranio, a insustentabilidade enerxética do sistema alimentario e a xestión das comunidades forestais. As conferencias complétanse coa proxección de vídeos e con exposicións de proxectos que se están a levar a desenvolver actualmente nos países empobrecidos, nos que as enerxías renovables poden ser unha alternativa viable e lóxica.

Para salientar a necesidade de levar a cabo unha revolución enerxética de xeito inmediato, García sinalou que “a crise máis grave á que nos enfrontamos non é a económica, senón a relativa ao cambio climático”. Segundo o relator, os escenarios que se manexan hoxe en día falan dun aumento da temperatura que vai entre os 3 e os 4 graos de cara ao 2100 o que daría lugar a consecuencias catastróficas “ás que non poderíamos porlle freo de ningún xeito”.

Actualmente, o quecemento global a nivel planetario sitúase arredor dos 0,8 graos, cifra que no caso de España se eleva a 1,5. Os efectos deste incremento xa se están a notar, pero “se seguimos a este ritmo serán nefastos, dando lugar a un aumento da mortandade por causas relacionados co calor e a unha drástica redución da produción agrícola co conseguinte risco de fame e desnutrición”, segundo palabras de García.

A revolución enerxética.
A idea básica é que para combater con éxito o cambio climático resulta necesario unha revolución na forma de producir, consumir e distribuír a enerxía. Esta reforma estaría baseada no abandono dos recursos non renovables, como petróleo e gas, para incidir no emprego de combustibles respectuosos co medio ambiente e dispoñibles a nivel local. A modo de exemplo, García sinalou o caso de Australia, un dos maiores produtores de carbón do mundo, que “podería desmantelar máis dunha das súas centrais contaminantes ao ano para abandonalas definitivamente no 2030”.

As liñas de actuación que García propón son diversas, pero todas elas pasan pola aposta por un modelo enerxético descentralizado que conleve cambios estruturais. “Precisamos acadar a eficiencia eléctrica impoñendo estándares técnicos que lle poñan fin ás cantidades inxentes de enerxía que se desperdician a diario”, segundo palabras do relator.

Fonte: UVigo