Oficina CEER
 16-12-2010
EXPERTOS MULTIDISCIPLINARES DEBATERÁN EN VIGO SOBRE O EMPREGO DAS REDES SOCIAIS E A WEB 2.0 NO ENSINO

Na mesa redonda que a ETSE de Telecomunicación organiza con motivo do seu 25 aniversario.

O encontro celebrarase este xoves na sede da Fundación Caixa Galicia.

Debater sobre aspectos e experiencias innovadoras no uso das novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe é o obxectivo da mesa redonda que baixo o título Redes sociais e educación 2.0 organiza a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación dentro dos actos conmemorativos do seu 25 aniversario. O encontro, que se celebrará este xoves ás 20.00 horas na sede da Fundación Caixa Galicia, centrarase na análise da utilización que se está a facer da Web 2.0 tanto na educación universitaria como en primaria e secundaria, “xa que se trata dun sistema que a día de hoxe aínda está a dar os seus primeiros pasos”, tal como explica Carlos López Ardao, profesor do Departamento de Enxeñaría Telemática e moderador da mesa redonda, que engade que “o noso propósito é concienciar aos docentes do enorme potencial destas ferramentas para desenvolver o seu labor”.

A chegada do Espazo Europeo de Educación Superior ten posto de manifesto a necesidade de incorporar as TIC ao proceso educativo na procura da innovación pedagóxica, potenciando o traballo en grupo e as relacións sociais, así como o desenvolvemento da aprendizaxe cooperativa. O ensino tradicional está moi baseado en coñecementos explícitos, pero “non debemos obviar que tamén existe unha cultura tácita, non recollida en libros nin tratados, que é difícil de compilar e de transmitir, polo que a finalidade da aprendizaxe social é ter acceso a todos estes datos dun xeito sinxelo e rápido”, conclúe López Ardao.

A utilidade das redes sociais non se limita ás relacións entre o docente e o alumno ou alumna, senón que tamén poden resultar moi útiles para a formación permanente do profesorado ao permitirlle compartir experiencias e resolver dúbidas dun xeito inmediato.

Relatores de todos os ámbitos.
Para reunir distintos puntos de vista e experiencias complementarias, a mesa redonda contará, ademais de coa participación de López Ardao, cos profesores da Universidade de Vigo, Daniel Martí e José Vicente Novegil, que “xa están a empregar as redes sociais nas materias que imparten cun enorme éxito entre o alumnado”, segundo explica o moderador. En representación do ensino non universitario acudirá José María Aguilera, mestre de secundaria e asesor de Tecnoloxías da Información e da Comunicación no Centro de Formación e Recursos de A Coruña.

A mesa complétase coa presenza de José Luis Orihuela, profesor da Universidade de Navarra, e Tíscar Lara, vicedecana de Cultura Digital na Escola de Organización Industrial EOI, “dous persoeiros ilustres no tema que van achegar experiencias de alto valor”, segundo palabras do coordinador da mesa.

Fonte: http://duvi.uvigo.es