Oficina CEER
 27-12-2010
PREMIO INVESTIGACIÓN PARA ESTUDANTES E TITULADOS PROXECTO DO CAMPUS DO MAR

As empresas Marine Instruments e Inova (Consultores en Excelencia e Innovación Estratéxica), convocan o Premio Marine Innova 2011, que puxeron en marcha no ámbito universitario para apoiar e fomentar o uso da innovación tecnolóxica entre os estudantes. Este certame intégrase dentro do proxecto de Campus de Excelencia Internacional “Campus do Mar”, liderado pola Universidade de Vigo e no que participan tamén as Universidades da Coruña e Santiago, co fin de crear un campus multidisciplinar que se converta en referencia internacional do coñecemento do mar.

O premio valorará a orixinalidade, o desenvolvemento tecnolóxico, a eficiencia do deseño e a innovación. Aceptaranse como candidatos persoas menores de 30 anos que poidan acreditar estar cursando estudos de grao, posgrao ou doutoramento, en calquera das titulacións que se imparten nas universidades pertencentes ao Campus do Mar. Os proxectos inscribiranse nas áreas de especialización incluídas no Campus do Mar, e máis concretamente se focalizarán en todas aquelas tecnoloxías que teñan aplicación directa ao medio mariño, á súa exploración, á explotación sustentable dos seus recursos, e á súa utilización segura para o home e respectuosa coa súa conservación. O prazo de admisión das candidaturas pecharase o 28 de xaneiro de 2011, período no que se deberán presentar as preinscricións na páxina web do Campus do Mar (www.campusdomar.es). En cato á data límite para a presentación das candidaturas do proxecto, incluíndo curriculum, memoria e desenvolvemento, será o 12 de maio de 2011. O xurado fará unha preselección das candidaturas presentadas e comunicará o resultado da mesma aos interesados antes do 31 de maio de 2011.

Os candidatos preseleccionados presentarán persoalmente o desenvolvemento realizado nun acto que se celebrará o 10 de xuño de 2011, na Universidade de Vigo, tendo cada un deles ata 20 minutos para expor o resultado ao Xurado. Concederanse tres premios en metálico, o primeiro de 3.000 €, o segundo de 2.000 € e o terceiro de 1.000 €. Ademais os candidatos que obteñan o primeiro e segundo premios terán a posibilidade de realizar 3 meses de prácticas nas empresas Marine Instruments, S.A. e Inova, Consultores en Excelencia e Innovación Estratégica, S.L.

Fonte: http://www.udc.es