A USC LIDERA O PROXECTO DE COOPERACIÓN TERRITORIAL MIGRANET PARA A CONSERVACIÓN E RECUPERACIÓN DAS POBOACIÓNS PISCÍCOLAS
O Colexio de San Xerome acolle o vindeiro 2 de febreiro as primeiras reunións dos comités científico-técnico e de coordinación.
Configurar unha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migratorios a longo prazo en Portugal, España e Francia. Este é o obxectivo principal do proxecto Migranet que iniciará a súa actividade a vindeira semana coas primeiras reunións dos comités científico-técnico e coordinación do proxecto, impulsado pola USC.
As xuntanzas, que se van realizar no Colexio de San Xerome (Santiago), contarán coa presenza dos cinco principais socios, entre os que se atopan a Estación de Hidrobioloxía do Encoro do Con (beneficiario principal do programa), a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (Ceer), a dirección xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, o Centro interdisciplinar de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto e o Institut National de la Recherche Agronomique. As reunións dos comités permitirán presentar os obxectivos do proxecto así como as actuacións seleccionadas.
Migranet é un dos 28 proxectos financiados con cargo aos fondos Feder da UE, no marco da segunda convocatoria do Programa Cooperación Territorial (Interreg IV B Sudoe), cuxa actividade se estenderá ata decembro de 2012.
Fonte: http://xornal.usc.es