Oficina CEER
 01-04-2011
A USC E COREMAIN COLABORARÁN NA PROMOCIÓN E IMPULSO DO USO DAS TECNOLOXÍAS DA INFORMACIÓN NO ÁMBITO DOCENTE E INVESTIGADOR

A consultora outorgará un premio anual fin de estudos, ofrecerá prácticas profesionais e achegará equipamento docente, entre outras iniciativas.

A USC e a empresa consultora de información e comunicacións Coremain porán en marcha un conxunto de accións e iniciativas encamiñadas á promoción e ao impulso do uso das Tecnoloxías da Información (TIN) no ámbito docente e de investigación universitaria. Estas acción centraranse nas titulacións de Enxeñaría Informática que se imparte na USC, tanto no ámbito de grao como no de posgrao, incluíndo programas de prácticas para novos titulados e estudantes, premios fin de carreira ou patrocinio de posgrao, entre outras iniciativas.

Esta colaboración estará regulada polo acordo marco asinado este xoves 31 no Colexio de San Xerome polo reitor Juan Casares e o director xeral de Coremain, Manuel Balseiro, renovando deste xeito un convenio asinado en 2007.

Cunha vixencia dun ano renovable, o acordo establece que Coremain participará naquelas xornadas académicas e eventos que a USC indique achegando relatores ás charlas, seminarios ou mesas redondas co obxecto de expor temas relacionados coas TIN. Ademais e de xeito específico, proporcionará relatores e documentación técnica de apoio para seminarios formativos que garden relación coa docencia das titulacións de grao e máster que imparte a USC en materia de TIN.

Premios.
De cara a estimular a formación dos titulados neste ámbito tecnolóxico, a consultora outorgará un premio anual ao mellor Proxecto Fin de Carreira/ Traballo Fin de Grao e mellor Traballo Fin de Máster, dotados con 300 euros en cada unha das titulacións de enxeñaría que imparte da USC no ámbito das TIN, como son Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas (a extinguir), o Grao en Enxeñaría de Informática e os másteres en Investigación en Tecnoloxía de Información (en extinción) e en Enxeñaría Informática.

Prácticas profesionais.
Como mínimo con carácter anual, Coremain ofrecerá un contrato en prácticas de inserción laboral dun mínimo de seis meses de duración para titulados recentes en cada unha das titulacións do ámbito das TIN. A contratación faraa Coremain e a actividade laboral do contrato realizarase en dependencias da consultora. Neste senso, ademais se contempla a oferta de prácticas para estudantes de últimos cursos.

O acordo recolle tamén a colaboración da empresa na formación de graduados a través da achega de equipamento docente ata un máximo de 3.000 euros ao ano, que se destinará á docencia práctica das materias do grao no ámbito da Enxeñaría Informática máis relacionadas coas liñas de negocio de Coremain. De igual xeito, contémplase que Coremain poida participar en calidade de patrocinador-colaborador do Máster en Enxeñaría Informática ao que igual poderá achegar equipamento docente ou financiamento de actividades docentes ata un máximo doutros 3.000 euros anuais.

Asesoramento.
A requirimento da institución académica, a consultora poderá prestar asesoramento en canto á definición dos contidos formativos, tecnoloxías, habilidades e competencias que estima de maior interese para os profesores do sector TIN, de cara á súa posible inclusión na oferta formativa de grao e máster para os estudantes da USC. Para rematar, a consultara promoverá a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar entre grupos de investigación da USC e a empresa.

Fonte: http://xornal.usc.es