Oficina CEER
 05-04-2011
ÚLTIMOS CONSELLOS PARA SAÍR AO MERCADO LABORAL

Obradoiro de orientación para o emprego destinado ao alumnado de Dirección e Xestión Pública.

Coñeceron as posibilidades profesionais do grao máis aló da administración pública.

Unha vez rematados os estudos, chega o momento de abandonar a facultade e enfrontarse á realidade laboral, pero moitos non son conscientes das ferramentas necesarias para a busca activa de emprego e de todas as posibilidades laborais á súa disposición. Por este motivo, os profesores Celso Cancela, Xosé Mahou e Enrique Varela organizan o obradoiro Coñécete e dáte a coñecer aos teus empregadores, dirixido ao alumnado dos últimos cursos do Grao en Dirección e Xestión Pública para que sexa quen “de venderse para un posto de traballo ademais de coñecer todas as portas ás que poden chamar máis aló da administración pública”, puntualiza Mahou.

Un dos principais obxectivos deste obradoiro é conseguir amosar o grande abano de saídas profesionais que o Grao en Dirección e Xestión Pública ofrece aos seus estudantes. Como explica o profesor Mahou, “téndese a equiparar o sector público á administración pública e non é así, porque o primeiro abrangue o segundo, ademais de outras organizacións que interactúan con ela como fundacións, organizacións non gobernamentais, cooperativas, cámaras de comercio, consultoras, asesorías...”.

Ademais de concienciar de todas as saídas laborais, o obradoiro dedica unha sección “a que os alumnos e alumnas aprendan a vender o seu perfil profesional”. Dúas técnicas de orientación laboral axudaron aos asistentes a elaborar o currículo vitae e as cartas de presentacións e ensináronlles a afrontar unha entrevista de traballo “para que o día de mañá saiban defenderse no proceso de búsqueda de emprego”.

Simulación dunha entrevista persoal.
O profesor Xosé Civeira afondou na técnica da entrevista persoal realizando unha simulación na que cada un dos alumnos exerceu de demandante de emprego e o docente de responsable de recursos humanos dunha empresa. “A entrevista persoal é como a última xornada de liga na que debemos plasmar a nosa idoneidade para o posto que estamos demandando”, aclara Civeira. Facilitou unhas pautas transversais como a forma de saudar ou de sentarse e en quendas de dez minutos con cada un dos asistentes, mediu a súa empatía, a súa seguridade, o seu interese “e ata a súa tolerancia ao estrés con preguntas persoais e incómodas, necesarias para comprobar a súa reacción no día a día da empresa”.

Entre o alumnado a xornada está resultando de grande interese pois, como aclara Sandra Mosquera, alumna de cuarto de grao, “estamos a recibir unha formación complementaria que nos axudará a plasmar e a vender todo o que sabemos”. Do mesmo xeito Guadalupe Reboredo, tamén alumna de cuarto, o obradoiro facilítalle “coñecer novas saídas da nosa titulación ademais de aprender novos consellos á hora de redactar o currículo, no que por exemplo puñamos aspectos que nos comentaron que era mellor non mencionar”.

Pola tarde as xornadas continúan coa Fundación Galicia Europa “que lles vai indicar as saídas tanto a nivel público como privado dentro do contexto da Unión Europea”, explica Xosé Mahou. A continuación, dende BIC Galicia, tentarán “fomentar o espírito emprendedor das novas xeracións mediante a creación de novas empresas” e por último e por último desenvolverase unha mesa redonda con José Ramón Carril, delegado provincial do Colexio Oficial de Xestores Administrativos de Galicia e Manuel Velayos, do Instituto Español de Comercio Exterior, que afondarán no campo da xestión, tanto pública como privada, e da exportación.

Fonte: http://duvi.uvigo.es