Oficina CEER
 08-04-2011
OLIMPÍADA GALEGA DE ECONOMÍA

A Facultade de Economía e Empresa da UDC acollerá as probas da Olimpíada Galega de Economía para acceder ao campionato nacional.

A Facultade de Economía e Empresa da UDC acollerá o 30 de abril as probas da Olimpíada Galega de Economía, que constitúe a fase local da Olimpíada Española de Economía e que se realiza cada ano nunha facultade distinta da nosa comunidade. Os exames serán corrixidos pola comisión avaliadora sen identificación de seus autores, ao igual que nas probas de acceso á Universidade. As olimpíadas científicas contan cunha grande tradición entre os alumnos de ensinos medios en toda Europa. A Olimpíada Española de Economía está organizada por máis de 25 facultades españolas de Ciencias Económicas e Empresariais. O obxectivo fundamental destas probas é estimular o estudio da Economía e da Empresa entre a mocidade con capacidade reflexiva e emprendedora, ofrecéndolles a posibilidade de competiren nun concurso de ámbito autonómico e estatal e premiándoos en recoñecemento á súa excelencia académica.

Poderán participar na fase autonómica da III Olimpíada Española de Economía todo o estudantado de centros de Ensino Secundario que estean matriculados durante o curso 2010-11 na Comunidade Autónoma de Galicia. É requisito imprescindible a formalización da inscrición dos participantes antes do día 18 de abril de 2011 seguindo os métodos previstos no formulario que está a disposición dos interesados na web da Olimpíada Galega de Economía www.olimpiadagalega.es.

Malia que a participación é individual, recoméndase un máximo de cinco estudantes por profesor encargado en cada centro. A participación na presente convocatoria implica a aceptación íntegra das súas bases e da decisión inapelable da comisión avaliadora, a quen lle corresponderá resolver calquera continxencia non prevista nesta convocatoria. A fase nacional da III Olimpíada Española de Economía terá lugar en Castellón de la Plana durante o mes de xullo de 2011.

Fonte: www.udc.es