Oficina CEER
 18-04-2011
O NOVENO NÚMERO DA REVISTA QUINTANA AFONDA NAS RELACIÓNS ARTÍSTICAS ENTRE ESPAÑA E PORTUGAL

A publicación recupera tamén escritos de Isaac Díaz Pardo e recolle investigacións orixinais sobre pintura flamenca ou as evocacións míticas da figura de Hércules no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

As relaciones artísticas entre España e Portugal centran o tema monográfico do noveno número da revista Quintana, que foi presentada este venres, 15 de abril, na sala de profesores da Facultade de Xeografía e Historia. Ao asistiron o reitor da USC, Juan Casares Long; o presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; o decano, Juan Monterroso Montero, e a directora da publicación, María Luisa Sobrino Manzanares.

Monterroso agradeceu ao presidente da Deputación a contribución económica desta institución para o desenvolvemento da revista e tamén a participación do reitor, porque “coa súa presenza recoñece a labor que realiza o persoal deste centro”. Na mesma liña, Salvador Fernández Morena resaltou que “ a riqueza dun país está no seu capital humano e este agrándase na universidade”. Pola súa banda, Juan Casares, sinalou que a USC ten que estar orgullosa do traballo realizado na Facultade de Xeografía e Historia e máis concretamente o dos profesores e promotores da revista Quintana, na que participan membros da comunidade universitaria e expertos, converténdoa nun verdadeiro foro de debate de carácter científico sobre diversos aspectos da arte.

O último número da revista componse dun tema monográfico titulado ‘A balsa de pedra: España e Portugal’, e tres seccións, a de ‘colaboracións’ de tema libre, a de “Escritos sobre...” e unha terceira de ‘Feitos e tendencias’.

O apartado monográfico conta coa participación, como especialistas invitados, de Luís Urbano de Oliveira, Antonio Filipe e Francisco Pizarro, que abordarán novos enfoques sobre as artes suntuarias na Idade Media portuguesa, o aparato cerimonial que rodeou o intercambio de princesas ibéricas en 1729 e o desenvolvemento urbano na vila fronteiriza de Olivenza.

A sección ‘Colaboracións’ inclúe tamén achegas dalgúns investigadores que abordaron as relacións artísticas entre España e Portugal como Paula Machado, María del Mar Rodríguez e Isabel Sempere, con traballos sobre a actividade dos canteiros na zona do Lima portugués ou a difusión da arte contemporáneo entre ambos países. O resto de artigos desta sección presentan investigacións orixinais sobre a pintura flamenca en España, a colección artística da casa ducal do Infantado, a arte galega nos tempos da Transición, a teoría da mímese de Platón ou as evocacións míticas da figura de Hércules no Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago.

No apartado ‘Escritos sobre...’ recupéranse escritos do artista e intelectual Isaac Díaz Pardo, ao que se pretende render homenaxe polo seu traballo a prol da cultura galega. Concretamente, rescátase un artigo publicado na revista Galicia Emigrante para denunciar o intento de trasladar a fachada da igrexa monástica de Monfero ata unha das novas parroquias de A Coruña en tempos de posguerra.

Por último, na sección ‘Feitos e tendencias’ apúntanse exposicións de Diego Xelmírez e tamén unha mostra celebrada recentemente sobre as relacións artísticas entre España e Portugal.

Historia.
A revista Quintana editou o seu primeiro número no ano 2002. Dende entón, ten acollido a publicación de investigacións orixinais sobre especialidades relativas ao eido das artes, incluídas a música e o cine.

O boletín ven de ser incluído na base de datos de Ulrich’s e Regesta Imperii e ten obtivo o recoñecemento de 33 criterios de calidade cumpridos en Latindex, nivel que en España só ten acadado, entre as revistas de arte, a pertencente ao CSIC e a propia Quintana.

Fonte: http://xornal.usc.es