Oficina CEER
 19-04-2011
A UNIVERSIDADE DE VIGO FORMARÁ PROFESIONAIS DO DEREITO MARÍTIMO, MOI DEMANDADOS POLO SECTOR

Remata o prazo de inscrición o vindeiro 25 de abril.

Cun curso organizado en colaboración coa Autoridade Portuaria e a Asociación Española de Dereito Marítimo.

O mercado laboral demanda profesionais do sector marítimo, pero segue a existir unha eiva na formación de expertos en dereito marítimo. Para cubrir este oco, a Universidade en colaboración coa Fundación Porto de Vigo, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Asociación Española de Derecho Marítimo estrea a vindeira semana a primeira edición do curso de Dereito Marítimo que se impartirá na Estación Marítima.

Baixo a coordinación dos profesores Mª José Bravo Bosch e Francisco José Torres, ofrecerá formación nun conxunto de normas referidas ao mar e ao marítimo, xa que se trata dunha disciplina que aborda os eidos públicos e privados, nacionais e internacionas, civís, mercantís, administrativos e laborais, incluíndo a pesca e a navegación deportiva.

Contidos.
Os profesores, que impartirán docencia dende o vindeiro 27 de abril ata o 6 de maio, son recoñecidos especialistas, tanto docentes como profesionais de ampla experiencia no sector do mar, darán paso tras os seus relatorio a un coloquio, fomentando o debate dos asistentes que exporán os seus puntos de vista. Entre outros temas abordarase o concepto, autonomía e fontes do Dereito Marítimo; os organismos nacionais e internacionais relacionados co sector; o estatuto xurídico do mar e dos fondos mariños; o réxime xurídico dos portos e dos servizos portuarios; o réxime financeiro dos portos e da Marina Mercante; as últimas tendencias legais, convencionais e xudiciais nas relacións laborais no sector portuario. Trataranse tamén a responsabilidade derivada da navegación, o estatuto xurídico do buque, o buque como obxecto garantía, os tipos de contratos de utilización do buque, os seguros marítimos ou o salvamento e accidentes marítimos.

O prazo de matrícula finaliza o vindeiro 25 de abril e os prezos varían entre os 250 euros para o público en xeral ata os 100 para os profesionais do sector marítimo pesqueiro en situación de desemprego. Para o alumnado da Universidade o curso é de balde e poderán ter o recoñecemiento dun crédito de libre elección ou 0.9 créditos ECTS.

Fonte: http://duvi.uvigo.es