Oficina CEER
 25-04-2011
A ‘HISTORIA DE PURA E ANGELITA’ DA AULA DE TEATRO DA USC ACADA O PREMIO DO PÚBLICO NA MITEU DE OURENSE

A compañía actuará o vindeiro 27 de abril no Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña.

A Aula de Teatro da USC acadou o premio dos espectadores na Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense. A representación da obra ‘Historia de Pura e Angelita. Pequeno divertimento mordaz’ recibiu o recoñecemento do público durante a última edición da mostra. A concesión deste galardón, recollido polo vicerreitor de Extensión Universitaria, Cultura e Sociedade, Javier Garbayo, coincide coa celebración do vinte aniversario de creación da compañía.

‘Historia de Pura e Angelita’ é a última montaxe da Aula de Teatro da USC en Santiago e está dirixida por Roberto Salgueiro. Trátase dun conto sobre un país asfixiado pola intolerancia, un pequeno divertimento grotesco que trata de reflexionar sobre unha realidade que, malia a distancia no tempo, se cadra non está tan afastada e aínda se agocha detrás dos mobles, no escuro dos armarios ou na humidade dos faiados das nosas casas.

Tras pasar polos festivais universitarios da Universidade de Santiago e da mostra de Ourense, a obra poderá verse durante o FITEUC da Coruña. Será o mércores 27 de abril, a partir das 20:30 horas, no Teatro Rosalía.

Fonte: http://xornal.usc.es