Oficina CEER
 26-04-2011
CINE, TEATRO E COOPERACIÓN, PRÓXIMAS ACTIVIDADES DE NORMAL

Os proxectos de Miradas al Mundo, curtametraxes experimentais e teatro, próximas actividades en Normal.

O Espazo de Intervención Cultural da Universidade da Coruña, Normal, acollerá o mércores, 27 de abril, a cuarta charla do ciclo de conferencias sobre Cooperación ao Desenvolvemento, que ten como finalidade promover a convocatoria de proxectos de coñecemento da realidade e o traballo que as ONG están a realizar nos países en vías de desenvolvemento. Nesta charla foro, que terá lugar de 18:00 a 19:00 horas no Cubo, a ONG Miradas al Mundo exporá os proxectos que ten en Guinea Bissau, Uganda e Etiopía para que o alumnado da UDC poida colaborar neles O Cubo de Normal acollerá tamén, o xoves 28 de abril, a partir das 20:00 horas, a proxección de curtametraxes experimentais da cineasta Maya Deren, a primeira muller directora do que se chamou cinema underground estadounidense é considerada pola historiografía do cinema, como unha das precursoras do cinema feminista. Proxectaranse os filmes “Meshes in the afternoon” (1943); “A study in choreography for camera” (1945); “At land” (1944); “Meditation on violence” (1948); “Ritual in Transfigured Time” (1946); “The Very Eye of Night”(1952-55).

Maya Deren (Kiev,1917-Nova York ,1961), naceu en Ucraína, co nome de Eleanora Derenkowsky, pero desenvolveu a súa carreira profesional nos Estados Unidos. Directora de cinema, bailarina, coreógrafa e escritora, o seu traballo serviu de ponte entre as artes plásticas e o cinema, xa que se formou coa bailarina, coreógrafa e antropóloga Katherine Dunham. Unha influencia importante na súa filmografía foi a obra de Freud, Jung, que conectaba directamente coa súa paixón pola vangarda surrealista, Jean Cocteau e Luís Buñuel, o que se reflicte de maneira directa nos seus filmes.

Tamén en Normal, baixo a organización da aula de Teatro da UDC, o Grupo Estable de Teatro da Universidade de Burgos presentará, no venres, 29 de abril, as 20:30 h. Grietas sobre Venus, un convite “a realizar un percorrido na busca de preguntas sobre a condición humana, sobre as súas relacións, as súas incongruencias, os seus horrores e os seus soños… mais do lado da muller”. Dirixida por Juan Luis Sáez, a obra ten no seu elenco os actores e actrices Beatriz Carnicero, María Burguera, Jorge Núñez, Pedro Ángel Cuevas de Andrés, Francisco Javier Fernández, Javier Gómez, Clara María Antúnez, Blanca de la Cruz, José Antonio Ruiz e Leyre Yudego. A Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade de Burgos foi a encargada da realización e gravacións de imaxes.

En todos os casos a entrada será libre e de balde.

Fonte: http://www.udc.es