Oficina CEER
 28-04-2011
UN NOVO MÉTODO PARA MEDIR LÍQUIDOS IÓNICOS BENEFICIA Á INDUSTRIA VERDE

Yolanda Álvarez desenvolve este sistema na súa tese de doutoramento.

Estes fluídos están substituíndo a outros máis contaminantes como os disolventes.

Cada día máis a sociedade reclama e a industria deseña produtos nos que se reducen ou eliminan os elementos químicos perigosos ou contaminantes. Para conseguir substitutivos “verdes” para estes elementos unha das apostas científicas é o uso de líquidos iónicos, sales cunha temperatura de fusión por debaixo dos 100 ºC. Sen embargo, a súa aplicación enfróntase á dificultade de que os procedementos que se empregan para caracterizar as sustancias fallan ao ser aplicados aos líquidos iónicos, pola súa alta densidade e viscosidade. Na súa tese doutoramento, a investigadora Yolanda Álvarez propón unha metodoloxía precisa que soluciona esta dificultade e permite seguir avanzando no coñecemento e aplicación destes prometedores fluídos “verdes”.

Baixo a dirección de Luis Romaní, Diego González e Jacobo Troncoso, Álvarez Sanmamed presentou no campus de Ourense a súa tese Metodoloxía experimental para a caracterización termofísica de líquidos iónicos a temperatura ambiente. Segundo salienta “aínda que se coñecen desde hai máis dun século, é nos anos noventa cando se descobre que os líquidos iónicos, debido ás súas extraordinarias propiedades fisico-químicas, poden ser empregados como substitutos “verdes” dos nocivos compostos orgánicos que se empregan en procesos industriais, como no caso dos disolventes”.

Neste contexto, o seu traballo investigador encamiñouse a solucionar o feito de que “os procedementos que se empregan convencionalmente para caracterizar unha sustancia molecular fallan ao ser aplicadas aos líquidos iónicos. Por unha banda, debido á súa alta viscosidade, prodúcese un amortiguamento na célula de medida que dá lugar a un valor da densidade superior ao real. Por outra banda, debido á súa alta densidade, os calibrados proporcionan resultados menos precisos que para líquidos de menor densidade”.

Dúas etapas de calibrado.
A investigadora, licenciada en Física no campus de Ourense en 2003 e actualmente investigadora do Centro Español de Metroloxía e profesora na Universidade Carlos III de Madrid, desenvolve na súa tese un procedemento que resolve ambas cuestións. “O método consiste fundamentalmente nun calibrado do equipo en dúas etapas: un calibrado de baixas viscosidades, que permite a medida precisa de líquidos de alta densidade e baixa viscosidade, e un calibrado de alta viscosidade, que permite estimar os erros inducidos pola viscosidade”. Segundo salienta, un coidadoso análise metrolóxico desta proposta amosou que este novo procedemento consegue unha medida precisa da densidade dun líquido iónico.

Ademais, a metodoloxía proposta por Álvarez Sanmamed aplicouse a unha serie de líquidos iónicos co obxectivo de coñecer o seu comportamento en función da temperatura e a presión. “Os resultados obtidos amosaron un comportamento singular, moi diferente ao dos usuais líquidos moleculares nas mesmas condicións, e indican que os líquidos iónicos compórtanse coma os moleculares baixo altas presións”.

A importancia desta investigación radica, tal e como salienta a xa doutora, en que o coñecemento completo das propiedades termofísicas dun líquido iónico é un paso previo necesario para o seu uso industrial específico e a metodoloxía proposta na tese mellorará o rendemento dos procesos nos que interveña unha substancia deste tipo. Ademais desta aplicación, a investigación contribúe ao coñecemento fundamental destes fluídos, xa que a súa caracterización termofísica permite profundar no seu comportamento físico.

Fonte: http://duvi.uvigo.es