A bailarina Rut Balbís e a poetisa Dores Tembrás estrean Cita a dous no Cubo de Normal.
A bailarina e coreógrafa Rut Balbís e a poetisa Dores Tembrás forman a parella convidada á primeira Cita a dous, que se celebrará o mércores 4 de maio as 20.00 horas no Cubo de Normal. Ambas as dúas porán voz, diálogo, vivencias e experiencias a este encontro íntimo que busca, non só falar das obras finais que se mostran, senón tamén da relación que estas teñen con outras artes e daqueles diálogos e procesos compartidos que, a maior parte das veces, quedan ocultos.
Cita a dous é un encontro entre dous creadores chegados de diferentes disciplinas artísticas, a partir dun pequeno manual de instrucións. Esta xuntanza non é só un encontro fugaz onde dous convidados falan e debaten sobre aqueles temas ou motivacións que lle son comúns diante dun público presente, senón que pretende buscar un verdadeiro diálogo a partir do coñecemento artístico e persoal. Para iso a parella convidada, na que unha das partes pertencerá sempre ao mundo da literatura, contará cun tempo previo á data sinalada para bucear na obra do outro e facela súa...permitindo que unha vez chegado o día da cita, non só xurda o encontro senón tamén o diálogo, o feedback e a experiencia compartida.
http://www.udc.es