O LABORATORIO DE REFERENCIA DE E. COLI DA USC AVOGA POLA PREVENCIÓN E OS CONTROIS FRONTE A BROTES COMO O DE ALEMAÑA
Consumir a carne suficientemente cociñada, lavar ben as mans despois de tocar a carne fresca, colocar esta carne fresca sen cociñar nos andeis máis baixos do frigorífico para evitar que os xugos contaminen outros alimentos que se consumen sen quentar, lavar correctamente a verdura que se vai consumir fresca e consumir leite pasterizada ou tratada co sistema UHT.
Estes son os consello prácticos realizados polo Laboratorio de Referencia de E. coli (LREC) da Universidade de Santiago, como medidas preventivas fronte a un brote da cepa Escherichia coli pertencente ao serotipo O157:H7, como a que estes días se ten manifestado en Alemaña. A este respecto, o catedrático de Microbioloxía da USC e director do Laboratorio, Jorge Blanco Álvarez, sinala que a pesar da preocupación xerada en Alemaña, os brotes causados por os E. coli verotoxixénicos do serotipo O157:H7 en seres humanos en España non son frecuentes na actualidade, producíndose unicamente casos illados.
Os rumiantes e moi especialmente o gando vacún constitúe o principal reservorio deste tipo de microorganismos, sendo a carne picada de vacún, os produtos lácteos, a auga e verduras os principais vehículos de transmisión. A bacteria forma parte da flora intestinal do gando e pode contaminar as canles de carne no matadoiro durante as operacións de desollado e evisceración. No caso das leitugas, espinacas ou outros vexetais, as bacterias chegan normalmente polo emprego de abonos orgánicos, por estar a horta de produción cerca de pastos con gando vacún ou polo risco con auga contaminada con restos de feces de animais. (http://www.usc.es/ecoli/vtese.html).
Neste senso, o profesor Blanco subliña o importante labor desenvolvido pola rede de centros, como o LREC da USC, encargados da detección do patóxeno en carne vacún e outros alimentos en España. Neste senso, o catedrático de Microbioloxía cre necesario “non baixar a garda e continuar realizando un seguimento epidemiolóxico rigoroso como o que se vén realizando ato o momento”.
Presenza en vacún.
No Laboratorio de Referencia de E. coli da USC, os investigadores observaron nos últimos anos un descenso importante na prevalencia de ECVT en carne de vacún posta á venda na cidade de Lugo. Segundo apunta Jorge Blanco, especialmente importante dende o punto de vista da saúde pública é o feito de non ter detectado ningunha mostra positiva para o serotipo O157:H7 altamente virulentos no período 2005-2009.
Presenza en verduras.
De xeito similar, o Laboratorio tamén realiza controis de vexetais. Neste caso, o LREC da USC procesou 100 mostras de leitugas procedentes de diferentes establecementos comerciais da cidade de Lugo no ano 2008. Os investigadores concluíron que as leitugas presentaban unha calidade microbiolóxica aceptable, xa que o 99% presentaron menos de 10 E. coli/gramo. Ademais, as 100 mostras resultaron negativas para a presenza concreta de ECVT.
Os ECVT.
Os E. Coli verotoxixénicos, tamén coñecidos como E. coli produtores de toxinas Shiga (STEC) ou enterohermorráxicos (ECEH) son importantes patóxenos emerxentes que causan patoloxías moi severas en seres humanos como a colite hemorráxica e a síndrome hemolítico-urémico).
Existen factores adicionais que potencian a súa virulencia, como a proteína intimina, responsable da íntima adhesión das bacterias ao epitelio intestinal e da lesión de adhesión e borrado. A intimina atópase codificada no xene eae, que forma parte da illa de patoxenicidade cromosómica LEE. As patoloxías severas en seres humanos asócianse coas cepas eae+ e moi especialmente co serotipo altamente virulento O157:H7.
Ata o momento, o brote detectado en Alemaña provocou tres mortos, máis de 300 persoas afectadas e 40 pacientes diagnosticados coa síndrome hemolítico-urémica, unha enfermidade infecto-contaxiosa que se caracteriza por insuficiencia renal, anemia hemolítica microanxiopática, defectos da coagulación e signos neurolóxicos variables, entre outros.
A este respecto, o profesor Jorge Blanco sinala que a manifestación dun brote destas características é infrecuente e imprevisible, lembrando que o último producido en España remóntase ao ano 2000 en Barcelona. Neste senso, avoga pola prevención e os controis como as mellores ferramentas para o seu combate.
Fonte: http://xornal.usc.es