Oficina CEER
 16-07-2007
O investigador do grupo de Física de Altas Enerxías da USC Abraham Gallas foi seleccionado no programa Ramón y Cajal como o primeiro da área de Física e Ciencias do Espazo

O investigador Abraham Gallas Torreira, membro do grupo de Física de Altas Enerxías da USC, foi seleccionado no programa “Ramón y Cajal” do Ministerio de Educación e Ciencia co número un no ámbito nacional na Área de Física e Ciencias do Espazo.

Gallas Torreira traballa dende abril co grupo de Física de Altas Enerxías da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Bernardo Adeva Andany, na instalación do experimento LHCb que ten lugar actualmente nun dos pozos do acelerador do Large Hadron Collider (LHC) no CERN, proxecto co que obtivo o primeiro posto en Física dos “Ramón y Cajal”. O experimento está dedicado ao estudo dos acoplos dos quarks pesados da segunda e terceira xeración e á busca de Física máis alá do chamado Modelo Estándar.

Abraham Gallas licenciouse e realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago, co dirixida por Bernardo Adeva e Máximo Pló Casasús, e dende entón tivo postos posdoutorais en Harvard, NorthEastern, CERN e no Istituto Nazionale di Fisica Nucleare (INFN), antes de regresar a Santiago. Durante este tempo tivo responsabilidades importantes no detector de muóns do experimento CDF do Tevatron (laboratorio de Fermi en Chicago), onde se descubriu o quark top, así como no detector HMPID do experimento Alice do CERN.

Na actualidade ocupa un posto de Corresponding Associate no CERN, vinculado á Universidade de Santiago, para a instalación do Silicon Tracker de LHCb. As instalacións nas que a USC está construíndo este dispositivo, xunto cun grupo do Instituto Politécnico Federal de Lausanne (EPFL), foron visitadas no CERN en novembro pasado polo presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño.

Abraham Gallas

Licenciado e doutorado na USC, Abraham Gallas realizou a súa tese no Departamento de Física de Partículas compostelá. No seu traballo de doutoramento Gallas realizou a medida da polarización lonxitudinal dos lambda/ antilambda producidos en dispersión profundamente inelástica (DIS) de muones polarizados sobre protóns tamén polarizados no experimento SMC do CERN. Naquel momento, a polarización lonxitudinal dos hiperones l/al unicamente fora medida en experimentos de desintegración e+ e-, polo que a medida presentada na tese foi o primeiro resultado en DIS (xullo 1999), pese á dificultade da análise xa que o detector non fora deseñado para tal estudo.

Tras o período de doutoramento, Gallas proseguiu a súa liña investigadora en Fermilab (EEUU) durante tres anos e como investigador posdoutoral na Universidade de Harvard. Posteriormente, foi investigador na Universidade de Northwestern como responsable da instalación e posta en funcionamento das cámaras e hodoscopios do detector CMX en CDF, onde puxo en marcha o detector antigo e foi o experto oncall.

De volta en Europa, participou na iniciativa Alice (CERN) traballando no proxecto HMPID (High Momentum Particle IDentification detector). Neste proxecto as responsabilidades de Abraham Gallas foron as de caracterización e control de calidade de cada módulo, tests con feixes de partículas, e o deseño e construción dunha estación de raios cósmicos para comprobar os dous últimos módulos.

Con anterioridade a súa incorporación á USC, o doutor Gallas traballaba como investigador no INFN (Bari). Ademais dos tests coa estación de raios cósmicos, realizaba estudos de simulación para o deseño dun novo detector Cherenkov que estenderá o rango de momento para a identificación de partículas máis alá do límite de 5 GeV/c, seguindo os resultados encontrados por RHIC a alto momento.