O grupo de música contemporánea ZOAR interpretará pezas de Ligeti en Normal este xoves.
O espazo de intervención cultural Normal da UDC acollerá nos vindeiros días novas actividades nunha axenda que comezará o xoves, 1 de marzo, ás 20.00 horas, co concerto de música contemporánea do grupo ZOAR, que xirará arredor da música de György Ligeti e, máis concretamente, da exploración que fixo, de forma pioneira no mundo, sobre a electrónica aplicada á música e á imitación musical de sons artificiais ou mecánicos.
O programa iniciarase cunha interpretación completa e alternativa das once pezas que conforman a súa Música Ricercata, orixinal para piano. A continuación, ofrecerase unha das primeiras partituras visuais da historia para electrónica coa representación de Artikulation e, xa ao remate, o grupo volverá á linguaxe musical interpretada para simular as texturas que Ligeti descubriu grazas á electrónica e que plasmou nas Dez pezas para quinteto de vento, a primeira das homenaxes aos pioneiros da música electrónica seria.
ZOAR é un conxunto de cámara especializado no repertorio para instrumentos de vento, aberto a todas as súas posibilidades, comprometido coa nova creación, a experimentación e a interrelación con outras expresións artísticas. Este quinteto foi creado en setembro de 2009 por Álex Salgueiro, Joan Ibáñez, David Villa, Benxa Iglesias e Antonio Suárez, todos eles experimentados intérpretes de instrumentos de vento.
A seguinte actividades que acollerá Normal será o obradoiro “Percorrer o ollo da arte I”, que comezará o 12 de marzo ás 19.00 horas, co obxectivo de dar a coñecer, descubrir e valorar o feito contemporáneo e a creación artística actual a través dunha mirada propia. No “ollo da arte” percorreranse a través de nocións teóricas e de propostas prácticas os novos comportamentos artísticos, a fin de motivar ás persoas participantes a propor e facer visibles as súas propias ideas, alén do traballo e do debate en grupo.
A segunda parte de “O ollo da arte” está formulada para todas aquelas persoas que realizaron a primeira parte e queiran seguir afondando no terreo artístico. Neste segundo módulo ampliaranse conceptos, exporase nova materia e ofrecerase a posibilidade de desenvolveren unha vía de traballo artística personalizada e dirixida para cada participante.
Xa o 15 de marzo, ás 17.00 horas, celebrarase o obradoiro “Supervivencia en SuperCollider”, orientado a todas as persoas interesadas na aplicación creativa desta linguaxe informática, sexa cal for a disciplina en que traballen, aínda que carezan de coñecementos previos en materia de son ou de programación.
Máis información: www.istoenormal.org
Fonte: udc.es