Oficina CEER
 03-05-2012
SABER DISCUTIR É UNHA HABILIDADE QUE SE DEBE ADESTRAR

30 alumnos participan no Obradoiro de Técnicas de Argumentación e Comunicación Oral en Debates.

Os seus promotores intentarán o vindeiro curso crear unha liga universitaria de debate no campus.

“Vivimos nunha sociedade pluralista e democrática que esixe que resolvamos os nosos conflitos apelando á razón e non á forza. Mellorando a nosa capacidade para defender con razóns as nosas posicións estaremos en mellor situación cando xorda unha discrepancia e debamos decidir como resolvela”. Deste xeito explica o docente Pablo Raúl Bonorino a importancia de saber discutir, obxecto de traballo do Obradoiro de Técnicas de Argumentación e Comunicación Oral en Debates que dirixe este cuadrimestre no campus de Ourense. Nel, 30 persoas adéstranse nesta arte conscientes de que a palabra é unha ferramenta poderosa.

O taller, que dá continuidade ao celebrado o cuadrimestre pasado, xurdiu, explica Bonorino, a raíz da súa experiencia docente neste eido en Arxentina e da participación da Facultade de Dereito de Ourense nun proxecto estatal sobre argumentación. O obxectivo da iniciativa “é transmitir aos participantes, de formacións e intereses moi diferentes, os rudimentos da argumentación enfocados ao debate académico”, apunta o docente. Para acadalo, ademais das técnicas explicadas por Pablo Raúl Bonorino, o obradoiro conta coa participación da actriz Elena Seijo, para mellorar a linguaxe corporal e a expresión oral dos participantes, e da profesora Rosa Ricoy, para dotar de contido os temas políticos que se analizan.

Importante no eido profesional e persoal.
“Primeiro traballamos os presupostos sobre os que se edifica todo debate e logo realizamos unha labor de reconstrución, construción e avaliación de argumentos e argumentacións. Esta tarefa é moi importante, sobre todo se queremos que os debates sirvan para aumentar o noso coñecemento sobre a cuestión obxecto de controversia”, apunta o director do obradoiro. Durante os meses de traballo, os participantes aprenderon a identificar os mellores argumentos e a diferencialos das malas formas, ademais de ser capaces de xulgar as propostas dos contrincantes. “Neste caso non estamos ante un coñecemento que se poida ampliar escoitando ou lendo, senón ante unha actividade que require que o participante faga cousas ao mesmo tempo que pensa sobre elas, que exercite a súa capacidade”, destaca Bonorino.

Segundo explica o responsable da iniciativa, o adestramento destas habilidades é crucial non só na vida institucional e profesional. “Saber discutir racionalmente é moi importante para mellorar as nosas relacións persoais en todos os ámbitos nos que nos toque actuar”, advirte. O problema, apunta, é que non temos unha cultura que fomente a discrepancia e a forma racional de resolvelas, asimilando o debate coa pelexa. “Só hai que mirar como funcionan os órganos deliberativos de calquera institución. Na maioría dos casos a ninguén lle importa as razóns, os votos xa se negocian de antemán”, explica. Ademais desta falta de cultura no debate o principal erro que se este experto salienta que se comete “é asumir que quen pensa distinto a min e o manifesta publicamente estame atacando persoalmente”.

Continuidade o vindeiro curso.
O 11 de maio os estudantes rematarán o seu obradoiro e farano cun debate final no que, sen previo aviso do papel lles tocará asumir, a favor ou en contra, terán que argumentar a súa postura arredor de dous temas moi vinculados coa actualidade, como son o uso do veo nos centros educativos públicos e a tortura de terroristas para obter información que evite novos atentados.

Despois da celebración este curso académico dos obradoiros sinalados, o vindeiro ano os seus promotores agardan poder conseguir que outros docentes do campus se impliquen no proxecto e se poida organizar unha pequena liga universitaria de debate no campus de Ourense, unha experiencia piloto da que lles gustaría que saíse un equipo que puidera representar á Universidade de Vigo noutras competicións similares no eido estatal.

Fonte: duvi.uvigo.es