A USC ORGANIZA DE NOVO O EVENTO CIENTÍFICO DE MAIOR REFERENCIA NO EIDO DOS RECURSOS MARIÑOS E A ACUICULTURA
O XV Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas desenvolverase na Toxa en outubro.
O Hotel Hesperia Isla de la Toja será o escenario do XV Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas (ForoAcui), que reunirá en outubro na Ría de Arousa a un nutrido grupo de especialistas que mostrarán os últimos avances no ámbito de estudo nun momento clave para o futuro da pesca e acuicultura europeas. Un mes máis tarde en Cádiz terá lugar o V Foro Iberoamericano sobre a mesma temática.
Os detalles destes importantes eventos científicos, xunto co libro que recolle as actas da última edición celebrada do foro, presentáronos este venres no Colexio de Fonseca o profesor da USC e presidente do Foro, Manuel Rey Méndez, e o vicepresidente da Sociedade Española de Acuicultura e membro do Instituto andaluz de Investigación e Formación Agraria e Pesqueira, Salvador Cárdenas Rojas.
Un evento clave.
Un dos obxectivos do XV Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas é favorecer o contacto entre centros de investigación, empresas e institucións públicas de Galicia, España e Europa. E isto, en plena reforma da Política Pesqueira Común, o Fondo Europeo Marítimo da Pesca (FEMP) e a Organización Común de Mercados (OCM), que marcarán a partir de 2013 o desenvolvemento de ambas actividades.
Como en edicións anteriores, ForoAcui se estruturará en cinco mesas de debate, destacando a primeira dedicada Á Estratexia galega de Acuicultura (ESGA), aprobada xa pola Xunta, e aos Plans de desenvolvemento Acuícola. Precisamente, a acuicultura será un dos temas que ocupará boa parte das mesas de debate e relatorios, analizando os retos e freos aos que se enfronta hoxe (complexo marco legal, lentitude dos trámites administrativos, limitacións de acceso, desigualdade de oportunidades ante os produtos importados...). Paralelamente terá lugar o ciclo ‘Cultivando o mar’ que este ano chega á súa vixésimo cuarta edición e que abordará o cultivo do salmón na ría de Muros-Noia.
Na pasada edición do Foro máis de 25 especialistas expuxeron ante máis de 200 asistentes variadas temáticas que comprendían desde as novas formas de xestión pesqueira, pasando polas áreas mariñas protexidas, ata o cultivo de atún vermello, o etiquetado, a pesca deportiva, o papel da acuicultura na cooperación ao desenvolvemento ou os avances en pensos.
Foro Iberoamericano.
Xurdido en 2007 no curso do X Foro dos Recursos Mariños e da Acuicultura das Rías Galegas da man da Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Oriente (Venezuela), o Foro Iberoamericano serve de espazo no que os distintos axentes involucrados no campo dos recursos mariños vivos e a acuicultura interactúan analizando, divulgando e buscando fórmulas de cooperación coa fin de promover o desenvolvemento e crecemento do sector en Iberoamérica.
Logo das celebradas en O Grove, Venezuela, México e Portugal, esta quinta edición será en Cádiz. O pasado ano en Viana do Castelo abordouse a sustentabilidade da pesca e da acuicultura, a alimentación, a tecnoloxía e calidade do pescado, a biotecnoloxía ou as redes de cooperación no entorno iberoamericano.
En primeiro lugar.
España ocupa a primeira posición en produción acuícola na UE, con 266.479 toneladas en 2009, seguida de Francia (234.000) e Reino Unido (179.093); aínda que en valor económico ocupa a quinta posición.
No caso de España, a primeira produción en canto a volume é a de mexillón -só en Galicia prodúcense 274.000 toneladas- seguida da acuicultura mariña de peixes con 43.000 en 2010 e a continental con algo máis de 30.00.
Fonte: xornal.usc.es