A USC ORGANIZA UNHA ACTIVIDADE LÚDICA CON ROBOTS MÓBILES PARA COÑECER OS SEUS FUNDAMENTOS
Tres talleres na USC amosarán este venres 11 os fundamentos que permiten dotar a un robot móbil de capacidade sensorial, da posibilidade de realizar percorridos dun xeito intelixente ou como relacionarse co robot mediante comandos visuais que guíen as súas actividades.
Intelixencia ambiental, interacción xestual co robot e aprendizaxe automática son os tres temas que se analizarán en cada un dos talleres, situados nas plantas 0 e -1 da ETSE en horario de 11.00 a 14.00 horas.
O obxectivo desta actividade, dirixida ao alumnado da Escola pero tamén aberta ao público en xeral, é que as persoas asistentes aprendan algunhas das bases tecnolóxicas da robótica móbil dun xeito participativo e lúdico. Neste caso, utilizaranse os robots móbiles reais Pioneer 3DX e 3AT de MobileRobots.
A iniciativa organízaa a Unidade de Sistemas Intelixentes do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CITIUS) co financiamento do programa de axudas para o fomento da cultura científica e a innovación da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT).
Intelixencia ambiental.
No primeiro dos talleres mostraranse os principios funcionais e operacionais básicos da coñecida como intelixencia ambiental, aquela que fai referencia á capacidade de incorporar a un contorno unha serie de sensores, elementos de computación e comunicacións para detectar eventos de interese e reaccionar ante eles.
Os investigadores da USC neste eido tratan de integrar este novo paradigma coa robótica móbil para facilitar un despregramento rápido e contextual en novos contornos, con cambios mínimos e sen necesidade de expertos en robótica. O obxectivo final consiste en implantar co mínimo custe e mantemento un robot guía para un evento ou museo.
Interacción textual co robot.
O obxectivo final do segundo taller é que o usuario lle “ensine” ao robot dun modo moi sinxelo e intuitivo as rutas que quere que realice, incluídas as paradas e as mensaxes ou tarefas que debe reproducir ou facer en cada parada. O robot será despois capaz de reproducir esas rutas de forma totalmente automática.
A interacción entre usuarios e o robots é un elemento fundamental para que o uso de robots fora dos ambientes controlados dos laboratorios de investigación sexa algún día posible. Neste taller os asistentes poderán interactuar cun robot móbil a partir de xestos coas mans. O robot será capaz de identificar, entre un grupo de varias persoas, aquela que quere interaccionar con el. Ese usuario poderá controlar dun xeito sinxelo certas operacións do robot e mesmo poderá guialo polo contorno.
Aprendizaxe automática.
Por último, no de aprendizaxe automática probarase o funcionamento de diversos algoritmos de aprendizaxe por reforzo. Os investigadores farán que un robot aprenda, en tempo real e sen ningún tipo de información previa, o comportamento básico para seguir unha parede nun contorno delimitado. O reforzo consistirá en que un usuario, empregando un mando sen fíos, lle indicará ao robot cando está a facer mal a tarefa. Co mesmo mando tamén poderá mover o robot para evitar situacións de risco (por exemplo, se está moi preto ou moi lonxe da parede). Estas indicacións serán suficientes para que o algoritmo de aprendizaxe teña en conta estas experiencias e efectúe a tarefa correctamente.
Fonte: xornal.usc.es