O Claustro da Universidade da Coruña acaba de aprobar por asentimento de todos os presentes unha declaración en defensa da universidade pública presentada polo reitor, Xosé Luís Armesto, logo de a consensuar previamente e que transcribimos integramente:
“O Claustro da Universidade da Coruña reunido en sesión ordinaria o 15 de maio de 2012, ante as medidas contempladas no Real Decreto-lei 14/2012 de 20 de abril, acordou aprobar a seguinte declaración:
1. A educación universal, pública e de calidade é un dereito fundamental, base da formación de persoas libres e críticas e dunha cidadanía responsable. A Universidade pública e un instrumento fundamental de cohesión social e económica, e vén demostrando desde hai máis de trinta anos a súa validez como garante da igualdade de oportunidades no acceso ao ensino superior.
2. Manifestamos a nosa oposición á suba do custo das matrículas universitarias. Ratificamos o acordo do Claustro de 2008 no que pedimos a conxelación dos prezos de matrícula e o incremento das bolsas baixo o principio de igualdade e de xustiza social, ao considerar que as razóns esgrimidas naquel momento están plenamente vixentes no momento actual.
3. Pedimos que se retiren os mecanismos propostos para revisar a dedicación docente, por seren ineficaces e constituíren unha ameaza para a calidade da formación e da investigación.
4. Reclamamos o financiamento público necesario para que a UDC poida converxer coas universidades do entorno europeo coas que se nos compara. O investimento en educación e I+D+i é unha condición necesaria para superar con éxito a crise global actual.
5. Pedimos a participación da comunidade universitaria en particular e da sociedade en xeral, na defensa do dereito fundamental á educación e á mellora do sistema universitario como servizo público esencial garante da democracia e da cohesión social.
6. Comprometémonos a introducir as medidas técnicas, formativas e organizativas necesarias para acadar un mellor rendemento social dos fondos públicos investidos na universidade”.
Ademais deste punto, a orde do día incluía a presentación da Memoria do Reitor de 2011. Os datos máis significativos do ano pasado veñen marcados polo impacto directo ou indirecto da crise económica e polas consecuencias das políticas adoptadas polo Goberno central e pola Xunta de Galicia. Diminúe con claridade o montante dos convenios e contratos con entidades públicas e privadas, e a caída é aínda maior na captación de recursos para proxectos competitivos.
En contra, algúns indicadores son altamente positivos, como a obtención de patentes e os rexistros de sóftware aceptados.
Os datos de matrícula teñen unha tónica de estabilidade, situando á Universidade da Coruña no grupo de 17 universidades españolas de tamaño medio, con entre 20.000 e 30.000 estudantes a nivel de grao.
O reitor salientou na presentación da memoria que o exercicio pasado se cumpriu o compromiso formal de manter a masa salarial total de profesorado e de persoal de administración e servizos. Destacou, ademais, o incremento nun 3% no número de profesores que acadaron o grao de doutor. Finalmente, Armesto destacou como fito de 2011 a apertura de Normal, o espazo de intervención cultural no campus de Riazor, e a presenza da Universidade da Coruña nas redes sociais: Facebook e Twitter.
Na sesión de Claustro desta mañá presentou o seu informe de xestión o Valedor Universitario, Enrique Martínez Ansemil. No curso 2010/2011 tivo 36 consultas e 43 queixas, dos colectivos de estudantes, de profesores e do persoal de administración e servizos. O Valedor explicou que algunhas das consultas son de carácter administrativo e que non todas as queixas implican mala atención do servizo. Exames e criterios de avaliación son os motivos de protesta maioritarios. O Valedor indicou que a un 62% se lles dá unha solución nun prazo de tempo entre un e sete días.
Tanto a presentación da Memoria do Reitor, como do Informe do Valedor Universitario, como mesmo a Declaración do Claustro suscitaron un intenso debate entre os asistentes, nalgúns casos pedindo maiores explicacións sobre puntos concretos, e noutros, como unha forma de reflexionar en voz alta sobre o modelo de universidade que se pretende conseguir.
O reitor emprazou aos presentes a continuar o debate de cara á elaboración dun novo Plano Estratéxico da Universidade da Coruña que terá que actualizarse o vindeiro ano. Finalmente, lembrou o papel que cumpriu a Universidade da Coruña no seu contorno inmediato, na área da Coruña e Ferrol, nos máis de vinte anos desde a súa creación ao considerar que “tivo un efecto moi importante no acceso á educación pública superior de moita xente que doutra forma non podería por cuestións económicas”.
Fonte: udc.es