CONTINÚAN EN LUGO AS ACTIVIDADES DO PROGRAMA ‘PUNTO E SEGUIDO’ CUNHA DOBRE PROPOSTA MUSICAL
Un concerto colectivo na praza de Santa María e a actuación do grupo Lobalú no auditorio Gustavo Freire completan a oferta para o xoves 24.
O programa ‘Punto e seguido’, organizado pola Área de Cultura da USC no Campus de Lugo, segue desenvolvendo as súas actividades de danza, teatro e música en diferentes espazos do campus e a cidade de Lugo, e o xoves 24 achega unha dobre cita musical.
Ás 18.30 horas na praza de Santa María está programado un concerto colectivo a cargo da banda do Centro de Música de Fingoi, o Conservatorio Profesional de Música e a escola de Música Fábrica de Sons. En caso de que o tempo non permitise realizar a actuación neste espazo, o concerto trasladarase á Facultade de Veterinaria.
E ás 20.30 horas a formación compostelá Lobalú presenta no auditorio Gustavo Freire o seu primeiro disco, Haikus. A cantante Najla Shami e o guitarrista Héctor Lorenzo traballan xuntos desde hai cinco años e aproveitan a súa experiencia con ritmos como o jazz e a bossanova para compoñer e facer versións de temas que soan moi distintos ao orixinal. Ademais, o seu interese por buscar novas fórmulas que se afasten do convencional levounos a adaptar os poemas de Rosalía de Castro a estilos polos que nunca ata agora transitaran.
Para este recital, Najla Shami e Héctor Lorenzo estarán acompañados polo guitarrista Carlos Calviño, o baixista Alfonso Calvo e o batería Miguel Quejas.
O luns 28, último día.
O programa de actividades péchase o luns 28 ás 20.30 horas no Círculo das Artes cunha actuación do coro da Universidade de Santiago e a Capela Compostelá. O concerto leva por título ‘ Nueva España. Música do período virreinal nas catedrais de México, Puebla e Santiago de Compostela’, e propón un percorrido pola música que xurdiu nos séculos XVI e XVII ao abeiro da construción de novas catedrais en América.
‘Punto e seguido’ forma parte das actividades do programa Lugo Cultural 2012, no que participan a USC, a Xunta de Galicia e o Concello e a Deputación de Lugo. A entrada a todos os espectáculos é gratuíta ata completar a capacidade das salas ou espazos onde se representan.
Fonte: xornal.usc.es