Universidade da Coruña e Concello de Ferrol convocan os Premios de Investigación en Humanidades e Enxeñaría Naval.
A Coruña, 25 de maio de 2012.- A vicerreitora de Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres, asistiu hoxe venres, 25 de maio, á presentación da convocatoria dos Premios de Investigación “Concepción Arenal” de Humanidades e “González Llanos” de Enxeñaría Naval”. O acto celebrouse no Concello de Ferrol ás 11.30 horas, presidido polo alcalde, José Manuel Rey Varela.
Estes premios, que convocan o Concello de Ferrol e a Universidade da Coruña, teñen como finalidade apoiar e impulsar os labores de investigación realizados no ámbito universitario e no mundo empresarial nas áreas de coñecemento ás que se adscribe cada un dos premios, que nos anos pares dedícanse a González Llanos e a Concepción Arenal, e nos impares ao Enxeñeiro Comerma, que está enfocado á enxeñaría industrial, e a Antonio Usero, centrado na saúde ou as relación laborais. Cada un dos premios está dotado con 12.000 euros e as solicitudes poderán presentarse antes do 15 de setembro nos diferentes rexistros xerais e auxiliares da UDC nos campus da Coruña e Ferrol.
Poden concorrer a este certame os investigadores ou grupos de investigación españois ou estranxeiros, que deberán presentar unha memoria na que figuren todos os datos relativos a obxectivos, metodoloxía, aplicacións prácticas da investigación e currículos dos candidatos.
Con respecto ao xurado, estará formado polo alcalde de Ferrol, como presidente; por dous especialistas de recoñecido prestixio no ámbito da investigación en cada unha das áreas de coñecemento, dous investigadores da UDC e un representante do persoal de administración do Campus de Ferrol. O fallo darase a coñecer antes do 31 de decembro.
Fonte: udc.es