Oficina CEER
 03-10-2007
O curso académico 2007-08 do Sistema Universitario Galego inaugurouse oficialmente na USC

O acto inaugural do curso académico 2007-08 do Sistema Universitario de Galicia tivo lugar este venres 28 no Colexio de Fonseca da Universidade de Santiago baixo a presidencia do titular da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño. Na mesa presidencial acompañárono os reitores das tres Universidades galegas, Senén Barro, José María Barja e Alberto Gago; a conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Laura Sánchez Piñón; e os presidentes dos Consellos Sociais das Universidades de Santiago e Vigo, Manuel Puga e Emilio Atrio, respectivamente.

A cerimonia comezou coa lectura da lección maxistral ‘Capacidade de interpretación e predición dos modelos físicos’ impartida polo profesor Vicente Pérez Villar, catedrático de Física da Materia Condensada da Facultade de Física. Nesta intervención disertou sobre o obxectivo fundamental de toda Ciencia como é a busca das leis que regulan o Universo e a súa evolución.

A continuación, o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, pronunciou o seu discurso, titulado ‘Do sentido común ao sentido político’, que deu paso á intervención do presidente da Xunta inaugurando oficialmente o curso académico.

Do sentido común ao sentido político O reitor Barro abordou no seu discurso temas compartidos por ser a súa intervención en representación das tres universidades galegas. Falou así de catro cuestións, o sentido común, o sentido académico, o sentido solidario e o sentido político.

“Sentido común é, sobre todo, o que debe imperar en relación ao proxecto da Cidade da Cultura”, sinalou Barro, quen considera fundamental “non apostar exclusivamente por unha cultura local e entendida unidimensionalmente” senón que “debemos crear unha auténtica Cidade das Culturas e do Coñecemento”. O novo monte Gaiás ten que ser, en opinión do reitor, un ser vivo en permanente evolución, “sometido co paso do tempo a revisións que eviten as enfermidades propias da obsolescencia, sobre todo aquelas que poidan cronificarse”.

Respecto do sentido académico, e na construción do Espazo Europeo de Educación Superior, para Barro resulta “imprescindible” que o proceso de deseño da nova oferta docente se realice “sen máis demoras ou reviravoltas” e contando con criterios e medios adecuados para que non fracase “esta oportunidade de mellorar a calidade da oferta de títulos e a cobertura dos distintos nichos de demanda”. Esta reforma, “que non será posible sen un financiamento importante e específico”, debe ser aproveitada tamén –explicou Barro- para lograr que a oferta conxunta das Universidades galegas estea “en maior sintonía coa demanda estudantil e a dos empregadores”.

No seu discurso, Barro avogou por un sentido solidario das Universidades na construción dunha nova Europa. Tratou así a polémica xurdida recentemente polo acceso de estudantes doutros estados membros á Universidade apuntando que “é preciso renunciar a certas cousas e poñer en común a maioría, incluídas as nosas institucións e as nosas oportunidades de formación e de emprego, ao tempo que accedemos ás dos outros”. “Se comezamos a blindar as nosas universidades fronte aos que veñen de fóra non pararemos aí”, engadiu Barro, senón que “inverteremos o sentido social e solidario da Unión Europea”.

Por último, o reitor compostelán falou do sentido político no financiamento universitario e aproveitou para reclamar o cumprimento do compromiso de acadar un financiamento universitario equivalente ao 1% do PIB galego antes do remate da actual lexislatura.

Representación institucional Ao acto asistiron ademais o vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana; a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino; a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; o Valedor do Pobo, Benigno López; a tenente de alcalde de Santiago, Mar Martín; o alcalde de Lugo, José C. López Orozco; o presidente da deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro; o presidente do Tribunal Superior de Xustiza, Antonio González Nieto; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; así como numerosas personalidades do mundo académico, cultural e político.