O REITOR DA UDC REXEITOU O DECRETO-LEI 14/2012 NO CONSELLO GALEGO DE UNIVERSIDADES
armesto valorou a conxelación das taxas na matrícula das materias de primeira vez, que son na UDC o 83%.
O reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto, asistiu onte á reunión do Consello Galego de Universidades en que se tratou o Decreto de taxas universitarias para o vindeiro curso 2012/2013, que desenvolve aspectos do Decreto-Lei 14/2012 de 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo.
Sometido a votación o Decreto de taxas universitarias para o vindeiro curso, o reitor da Universidade da Coruña emitiu un voto de abstención motivado polo rexeitamento do Decreto-Lei de 20 de abril, mais valorando positivamente o esforzo realizado pola Xunta de Galicia para minimizar os seus efectos. O reitor agradeceu á Consellería que tivese en conta as manifestacións das comunidades universitarias, como foi o acordo do Claustro da Universidade da Coruña de 15 de maio en defensa da universidade pública.
Armesto razoou na reunión de onte o seu voto lembrando que desde o primeiro momento se lle manifestara á Xunta de Galicia o posicionamento contrario ao Decreto-Lei de 20 de abril para que o Goberno galego flexibilizara a súa aplicación, o que na práctica levou á conxelación da matrícula nas materias en que os estudantes se matriculan por primeira vez (non só en primeiro curso senón en todos os cursos) que, no caso da Universidade da Coruña corresponde ao 83% das materias.
A Universidade da Coruña aumentou de 81% (curso 2010/2011) ao 83% (curso 2011/2012) o número de materias en que os estudantes se matriculan por primeira vez, o que evidencia o éxito académico froito dunha atención máis personalizada e grupos máis reducidos de estudantes coa adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior.
No que atinxe ás segundas, terceiras e sucesivas matrículas nin no grupo de traballo da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, CRUE, co Ministerio, nin nas negociacións das universidades galegas coa Consellería se conseguiu a moratoria que se solicitaba, para que os actuais estudantes universitarios puidesen rematar os seus estudos sen que lles afectase esta suba.
Xosé Luís Armesto manifestou onte, ademais, a súa preocupación polo texto do Decreto-Lei de 20 de abril en que especifica que os prezos terán que aproximar á súa contía ao custe de prestación do servizo. Armesto considera que isto “evidencia un cambio de modelo do financiamento universitario público para que sexa asumido integramente polas familias o que supón a privatización do servizo público de ensino superior”.
Fonte: udc.es