vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, e o vicerreitor de Títulos, Calidade e Novas Tecnoloxías, Julio Abalde, recibiron esta mañá ao secretario Xeral do PSdG-PSOE, Pachi Vázquez, quen se amosou interesado por coñecer o Viveiro de Empresas da Universidade da Coruña.
A Universidade conta desde 2004 cun Viveiro de Empresas situado no Edificio de Servizos Centrais de Investigación, no campus de Elviña, polo que teñen pasado en oito anos 36 iniciativas empresariais que xeraron máis de 150 postos de traballo.
As empresas que se aloxan no Viveiro, un máximo de dous anos, teñen que ser de base tecnolóxica ou cun alto compoñente de innovación e nacen do emprendemento de profesores, estudantes ou persoal de administración e servizos, que son os que poden acceder ao Viveiro. A Universidade ofrece sete locais con conexión a Internet, teléfono, correo electrónico e con acceso a servizos comúns como son a sala de reunións e a posibilidade de realizar videoconferencias. A Universidade, a través da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) ofrece ademais asesoramento para o desenvolvemento do plan de empresa.
Dentro do Viveiro de Empresas, a Universidade asesora e xestiona outras iniciativas empresariais, spin-offs, xurdidas do coñecemento xerado na UDC, especialmente de resultados de investigación. Así, destas 36 iniciativas empresariais, creáronse 16 spin-offs universitarias das cales a UDC participa en unha e está en proceso de participar en tres máis. Así mesmo, a UDC certificou a cinco empresas como asociadas á Universidade pola súa especial colaboración coa comunidade universitaria.
Empresas que actualmente se atopan no Viveiro, tendo en conta que agora mesmo hai unha convocatoria aberta para cubrir un local:
• AllGenetics & Biology, SL
o Promotores: Joaquín Vierna Fernández, Alejandra Perina Cedrón
o Actividade: AllGenetics é unha spin-off da Universidade da Coruña que foi fundada en 2011. Nace coa intención de ofrecer diversos servizos de xenética molecular a grupos de investigación europeos, empresas e institucións. AllGenetics realiza desde a experimentación no laboratorio ata a análise bioinformática de datos xenéticos, incluíndo o desenvolvemento de ferramentas a medida.
• Avansig, SLL
o Promotores: David Trillo Pérez, José Ignacio Lamas Fonte
o Actividade: Avansig é unha empresa especializada na enxeñería do software que nace co obxectivo de ofrecer á administración e empresas, servizos de consultaría tecnolóxica e desenvolvemento de software a medida baseados en tecnoloxías SIX (Sistemas de Información Xeográfica) e FOSS (Free and Open Source Software).
• Doibos Enxeñería e Medio Ambiente
o Promotores: Ignacio Fraga Cadórniga, María Bermúdez Pita, Bruño Fraga Bugallo, Inés Mera Rico
o Actividade: Doibos é unha consultora especializada en Enxeñería da Auga e Medioambiental especializada nas ferramentas de cálculo e simulación numérica.
Esta iniciativa xurde como resultado da experiencia en investigación aplicada e proxectos no Grupo de Enxeñería da Auga e do Medio Ambiente da UDC, no cal traballaron ou traballan todos os seus promotores. Están especializados nos traballos relacionados coa enxeñería costeira, saneamento, enxeñería fluvial, análise de riscos (verquidos, rotura de presas, inundacións...) ou estruturas hidráulicas.
• Goovent Technologies, SLNE
o Promotores: Alexandre Veira Rodríguez, Jorge Rodríguez Graña
o Actividade: Goovent é un servizo web de procura e xestión de eventos.
Goovent ten como obxectivos crear un espazo común para que os usuarios poidan localizar, da forma máis rápida e sinxela posible, que eventos suceden no seu contorno, desde concertos musicais, ata exposicións, obras de teatro ou acontecementos deportivos. E, doutra banda, ofrecer a organizadores e patrocinadores, un lugar chave en que poderán dar a máxima difusión aos seus eventos.
• Appentra
o Promotores: Manuel C. Arenaz Silva, Jorge Allo Maneiro, María Rosa Vázquez Rogel
o Actividade: Appentra é unha empresa dedicada á produción de software para optimizar automaticamente aplicacións que infrautilizan o hardware paralelo actual, así como á prestación de servizos relacionados de alto valor engadido. Deste xeito, os científicos produtores de aplicacións que resolvan problemas de simulación científica e de enxeñería terán menor dependencia dos enxeñeiros informáticos especializados en computación de altas prestacións. Conséguese deste xeito maior produtividade, aforro de custes e unha resolución de problemas máis rápida e eficiente.
• Trileuco Solutions, SL
o Promotores: Felipe Peña Pita, Marcos Muíño García, César Suárez Suárez
o Actividade: Trileuco Solutions é unha iniciativa empresarial galega, que proporciona servizos integrais de consultoría e solucións en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións. Abrangue todos os ámbitos da enxeñería informática, pero a traxectoria profesional dos promotores fai que a optimización de procesos de negocio sexa un ámbito de especial interese para Trileuco. Actualmente están inmersos na definición dun primeiro sistema de axuda á decisión enfocado a empresas de venda on-line e callcenters, permitindo establecer un mecanismo xusto (e óptimo) de negociación entre as empresas e os clientes, conseguindo obter un beneficio económico por ambas partes.
Ademais, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, CITIC, da UDC aloxa tamén unha empresa de base tecnolóxica: Syntheractive.
Nome dos Promotores: Victor M. Gulías, Javier Taibo y Miguel Barreiro
• Actividade: Syntheractive é unha empresa de base tecnolóxica creada en 2011 e que nace de proxectos innovadores de I+D+i desenvolvidos no Centro de Investigacións en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña. Foi fundada por un grupo de investigadores en tecnoloxía multimedia, gráficos por computador, e computación distribuída.
A súa actividade céntrase no desenvolvemento e comercialización de contidos interactivos avanzados para televisión, baseados en vídeo sintético. Coa súa tecnoloxía pódense crear canles personalizados 2D e 3D, en calquera definición, e permitir ao usuario interactuar libremente con eles.
Fonte: udc.es