PREMIO PARA UNS PROFESORES DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA POR UN CENTRO SOCIOCULTURAL EN AMES
Un equipo de profesores e profesoras da Universidade da Coruña vén de gañar un dos premios da quinta edición do prestixioso concurso bianual de arquitectura organizado por VM ZINC-Unicore, que foi fallado recentemente e entregado nunha cerimonia celebrada en París. Este certame recoñece os mellores edificios do mundo realizados en zinc. A dimensión internacional deste premio vén avalada pola procedencia dos participantes e dos proxectos premiados, que abarca desde Australia ata China, Francia, Estados Unidos, Alemaña e España.
O equipo galego galardoado está formado polos profesores da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña Cándido López e María Carreiro, xunto cos arquitectos Nela Prieto e Diego Vaquero. O seu proxecto, o deseño e execución do Centro Sociocultural de Agrón no Concello de Ames, recibiu o premio especial outorgado polo público mediante as votacións realizadas a través da páxina de facebook da entidade convocante.
A presentación do proxecto tivo unha gran acollida entre o experto foro internacional de asistentes ao evento, que destacaron a sensibilidade do edificio co contorno no que se insire, unha frondosa carballeira a 15 quilómetros de Santiago de Compostela, así como os seus valores ecolóxicos e medioambientais ou o expresivo emprego do zinc neste pequeno edificio, que se impuxo a máis de 120 proxectos desde a súa sinxeleza e precisión.
Fonte: udc.es