Oficina CEER
 16-07-2012
CAMPUS DO MAR REPROGRAMA O SEU ORZAMENTO ESTENDÉNDOO ATA 2015

O Consello Reitor adoptou esta medida para favorecer a cofinanciamento dos proxectos acadados.

O novo presidente do CSIC, Lora-Tamayo, amosou o apoio do organismo ao campus de excelencia.

A reprogramación do orzamento de Campus do Mar, de xeito que en lugar de ata 2013 se estenda ata 2015, foi o acordo máis destacado dos adoptados polo Consello Reitor do campus de excelencia internacional reunido na Universidade de Vigo e no que o novo presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo e o reitor da Universidade de A Coruña, Xosé Luis Armesto, tomaron parte por primeira vez tras asumir hai uns meses os seus respectivos cargos. A decisión de que cada institución con representación no Consello Reitor estude ata o mes de outubro os documentos xurídicos relativos a creación do Consorcio Campus do Mar e a incorporación como novo membro da agregación de I+D+i do campus do Instituto Politécnico de Leiría, foron outros acordos adoptados na reunión.

A decisión do Consello Reitor de reprogramar o orzamento de Campus do Mar que supera os 4 millóns de euros, estendéndoo de 2013 a 2015, é froito de dous factores. “Por unha banda esta reprogramación responde á necesidade de facer fronte ao cofinanciamento dos proxectos que conseguimos en convocatorias nacionais e internacionais”, explica Emilio Fernández, director de Campus do Mar. Así, a medida adoptada polo Consello Reitor permitirá dispor de fondos destinados ao cofinanciamento de proxectos acadados en concorrencia competitiva cos que Campus do Mar obterá un financiamento adicional, o que segundo Emilio Fernández “ten un claro efecto multiplicador”.

Pero a decisión de reprogramar o orzamento responde a outro factor como é “a incerteza sobre o financiamento a curto prazo dos campus de excelencia internacional , dada a situación económica actual”, explica o director de Campus do Mar.

Xunto á reprogramación orzamentaria, o Consello Reitor de Campus do Mar aprobou na súa reunión celebrada no campus de Vigo a incorporación como novo membro da agregación de I+D+i do Instituto Politécnico de Leiría no que estudan más de 11.000 alumnos e imparten clases máis de 800 docentes. O Politécnico con campus en Lería, Caldas da Rainha e Peniche conta con cinco escolas superiores, unha delas de Turismo e Tecnoloxía do Mar e un Instituto de Investigación, Desenvolvemento e Estudos Avanzados. Por último, o órgano reitor do Campus do Mar acordou que oss eu membros estuden ata o mes de outubro os documentos xurídicos relativos a creación do Consorcio Campus do Mar. “A creación do consorcio para o ano 2013 está contemplada no noso plan estratéxico”, explica Emilio Fernández que destaca a importancia deste trámite que permitiría ao Campus do Mar funcionar como unha entidade xurídica propia.

Apoio explícito do novo presidente do CISC a Campus do Mar Na reunión do Consello Reitor, na que tomaron parte os reitores de Vigo e Santiago, Salustiano Mato e Juan Casares; así como o director do IEO, Eduardo Balguerías; ocoordinador institucional do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo e o director do Campus do Mar, Emilio Fernández, producíronse os debuts do novo presidente do CSIC, Emilio Lora-Tamayo e do reitor da Universidade de A Coruña , Xosé Luis Armesto que manifestaron o seu respaldo ao campus de excelencia internacional, seguindo a estela dos seus antecesores no cargo. “Esta primeira toma de contacto afianza a percepción que tiña da pertinencia da seriedade, o enfoque, o longo prazo e os obxectivos que ten o Campus do Mar. É un direccionamento da figura do Campus de Excelencia cara algo que está moi arraigado no territorio en Galicia en xeral e en Vigo en particular, onde teñen coñecementos para liderar e ser figuras moi activas desta iniciativa”, asegurou Lora-Tamayo.

“O CSIC estará aí” afirmou o presidente do organismo que non obviou as dificultades económicas que tamén afectan ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas. “Este é un momento para reflexionar e ver onde podemos apostar , como podemos facer máis con menos, optimizar a eficiencia dos recursos que se poñen de xeito que cando empecen a chegar algo máis de recursos podamos ter moi claro cal é a road map que debemos seguir”, asegurou.

Pola súa banda o reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto renovou o compromiso da institución que encabeza coa Campus do Mar que asegurou “é o noso campus internacional” . Para Armesto o futuro pasa por cooperar e colaborar, un proceso no que a Universidade da Coruña “ penso que podemos realizar achegas nos campos da enxeñaría naval, da mariña mercante e nos campus xurídico, económico, das ciencias experimentais e tecnolóxico”.

Fonte: duvi.uvigo.es