OS REPRESENTANTES GALEGOS NA CEUNE ASEGURAN QUE WERT "SÓ QUERÍA A FOTO CO ESTUDANTADO”
Os portavoces das tres universidades foron algúns dos que abandonaron a reunión co ministro de Educación.
Salientan que a cita foi convocada sen prazo para o diálogo sobre os contidos a tratar.
Na reunión deste xoves do Consello de Estudantes Universitarios do Estado CEUNE representantes de varias universidades españolas abandonaron a reunión, presidida por José Ignacio Wert, ministro de Educación, Cultura e Deporte, en protesta pola “actitude” e a política educativa do goberno. Entre eles estaban os representantes das tres universidades galegas, que son Adrián Dios, da Universidade de Santiago de Compostela e da Liga Estudantil Galega; Amelia Fraga, da Universidade da Coruña e de IESGA, e Iago Varela, da Universidade de Vigo e membro de Comités. Xuntos salientan que a cita foi convocada sen prazo para o diálogo e só para "sacar a foto co estudantado".
“No pleno do CEUNE, os representantes das tres universidades galegas amosamos un posicionamento conxunto en oposición frontal aos brutais recortes en educación que está levando a cabo o goberno do Estado, que afondan na liña de mercantilización do ensino superior”, explican os tres representantes nun comunicado conxunto. Tras amosar a súa disconformidade, Adrián Dios, Amelia Fraga e Iago Varela abandonaron a sesión do xoves ao consideralo “un pleno ilexítimo, que chega tarde e que só busca un lavado de cara do goberno e unha foto de normalidade co estudantado”. Posteriormente, explica Iago Varela, outras dez universidades se uniron a esta protesta, concretamente a Universidade de Oviedo e nove centros andaluces.
O representante da Universidade de Vigo critica “a actitude totalmente negativa e reticente ao diálogo” do ministro de Educación. Deste xeito, apunta, o CEUNE, un órgano consultivo, convocouse con máis de seis meses de retraso e cando xa foran aprobadas as principais reformas no eido universitario. “Estas reformas supoñen un brutal incremento de taxas, descenso do número de bolsas, a súa transformación en moitos casos en préstamos e un menor gasto no ensino público.. Todas as decisións en materia universitaria están xa tomadas, polo que esta convocatoria era unha farsa e só buscaba lexitimar estas medidas perante o estudantado”, denuncian no seu comunicado os tres representantes das universidades galegas.
En base a estas medidas, “totalmente lesivas”, explican os portavoces universitarios, “solicitouse a dimisión do ministro de Educación e, por coherencia, decidimos abandonar o pleno. Todas as medidas tomadas polo goberno teñen unha compoñente ideolóxica que só teñen como obxectivo o desmantelamento da universidade como servizo público", denunciaron.
Fonte: duvi.uvigo.es