A ESTACIÓN DE HIDROBIOLOXÍA ‘ENCORO DO CON’ CONCLÚE AS INTERVENCIÓNS DE VOLUNTARIADO NO RÍO UMIA
Persoal especializado explicará as características da bioloxía dos peixes migradores en itinerarios guiados abertos e de balde.
As xornadas de intervención de voluntariado organizadas pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’ da USC (EHEC) rematarán este venres 27 no río Umia orientadas a aumentar o grao de conciencia social sobre a conservación dos peixes migradores e do seu hábitat. As xornadas comezaron o pasado día 23 no río Ulla incluídas na programación de actividades do proxecto europeo MIGRANET. .
As intervencións consisten en itinerarios guiados para coñecer máis de preto a migración dos peixes, os obstáculos existentes, as zonas de desova e de repouso ou aspectos relacionados coa súa alimentación, entre outros. Para o seu desenvolvemento, facilitarase aos/ás participantes diversos materiais educativos como pequenas guías para o traballo de campo. .
O proxecto MIGRANET, cofinanciado polo Programa SUDOE a través de fondos FEDER da Unión Europea, traballa na configuración dunha estratexia de cooperación conxunta na obtención de datos sobre peixes migradores que permita coñecer o estado de conservación das súas poboacións, as presións existentes que actúan sobre estas e prever futuros escenarios de cambio ante as alteracións climáticas e non climáticas no espazo do suroeste europeo. Para acadar este obxectivo, estase a por en marcha un Observatorio das poboacións de peixes migradores do Espazo SUDOE que vele pola súa conservación e recuperación. .
O proxecto, coordinado pola Estación de Hidrobioloxía ‘Encoro do Con’, conta tamén coa colaboración da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia - Norte de Portugal (CEER), o Institut National da Recherche Agronomique (INRA) de Francia, o Centro Interdisciplinario de Investigaçao Marinha e Ambiental da Universidade do Porto (CIIMAR) e, como asociado, o Aquamuseu do Rio Minho da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira. .
Para máis información sobre as actividades do proxecto, as persoas interesadas poden visitar a páxina web http://www.migranet.org.es. .
Fonte: xornal.usc.es