Posibilitar o debate, por e para universitarios, sobre algúns dos problemas contemporáneos das universidades é o principal cometido do I Congreso Internacional sobre ‘Coñecemento, tecnoloxías e ensinanza: políticas e prácticas universitarias’ que se desenvolverá o vindeiro curso académico en Santiago organizado pola profesora da USC Adriana Gewerc e a Universidade Nacional de Córdoba (Arxentina).
Este é un programa aberto a profesorado universitario que teña realizado experiencias innovadoras coas tecnoloxías e a todas aquelas persoas que poidan achegar unha nova visión sobre as problemáticas polas que está atravesando a universidade na actualidade. A organización xa abriu o prazo para a presentación de traballos que se estenderá ata o próximo 5 de setembro e que se poderá realizar no formato de póster, simposio ou como comunicación oral.
Os temas arredor dos que se poden realizar as propostas de orixinais son: políticas de coñecemento nas universidades e novos procesos de produción, distribución e difusión do coñecemento; transformacións organizacionais, institucionais e tecnolóxicas nas universidades; perspectivas, tensións e tendencias no traballo docente universitario; experiencias e tendencias en dispositivos e contornos na ensinanza superior contemporánea; estudantes, prácticas de estudo e socialización; e límites e oportunidades das redes de universidades e a cooperación.
Este congreso buscará establecer un debate que permita identificar as voces da universidade pública ante o conxunto de demandas cruzadas procedentes dos diferentes organismos e axencias nacionais e internacionais. A intención da organización é reflexionar sobre as relacións entre as políticas e as prácticas nas universidades, nas economías e sociedades da información e o coñecemento, poñendo o foco en cómo afectan aos procesos de ensino e aprendizaxe.
Para acadar máis información, as persoas interesadas poden visitar a web do congreso en http://contece.ffyh.unc.edu.ar/ ou a través do correo electrónico conocimiento.tecnologia@usc.es
Fonte: www.usc.es