Oficina CEER
 03-09-2012
O CSIC SITÚA A USC NO "TOP TEN" DAS UNIVERSIDADES ESPAÑOLAS CON MAIOR IMPACTO CIENTÍFICO INTERNACIONAL

A institución compostelá ocupa o posto 10 en España e o 250 a nivel mundial nun estudo que avalía máis de 20.000 centros educativos e de investigación dos cinco continentes.

O ranking que cada seis meses elabora o Laboratorio de Cibermetría do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) sitúa a USC entre as dez primeiras universidades de España con maior impacto científico internacional. A nivel mundial, a institución compostelá ocupa o posto 250 nunha listaxe na que se analizan os datos de máis de 20.000 centros de investigación dos cinco continentes e que encabeza a universidade estadounidense de Harvard.

Entre as universidades españolas, a primeira é a Universidade Complutense de Madrid, que se sitúa o lugar 85 a nivel global, seguida da Universitat Autònoma de Barcelona, no posto 91. A continuación están a Universitat Politècnica de Catalunya (99),a Universidad de Granada (142), a Universidad Politécnica de Madrid (143), a Universitat de València (169), a Universidad del País Vasco (170), a Universidad de Sevilla (214) e a Universidad de Zaragoza (243). As outras dúas universidades galegas ocupan tamén postos relevantes; a Universidade de Vigo sitúase na posición 309 (14 en España) e a Universidade da Coruña, na 315 (16 en España).

Presenza e visibilidade na Rede.
O estudo do CSIC atende criterios como a publicación en aberto de artigos científicos a través de internet e o seu impacto internacional, pero tamén o compromiso social das institucións analizadas ou a súa capacidade de transferencia de coñecemento e tecnoloxía de cara á sociedade. A USC foi a primeira universidade española en presentar a súa memoria de responsabilidade social, que en xullo pasado chegou á súa sexta edición (bienio 2010-11).

O estudo deste prestixioso organismo científico valora especialmente os artigos que denomina "de excelencia", aqueles que se sitúan entre os máis citados dentro da súa especialidade. Nesta subcategoría de artigos de excelencia a USC tamén ocupa un lugar de relevancia, situándose no posto 378 a nivel mundial (undécima no ámbito nacional). A Universidade de Vigo está este baremo na posición 570, mentres que a Universidade da Coruña ocupa o lugar 1.004

Este ranking do CSIC está considerado un dos máis fiables e completos dos que se realizan no ámbito internacional. Segundo os seus autores, "ademais de estar elaborado por unha entidade sen ánimo de lucro, configúrase exclusivamente a partir de criterios cuantitativos extraídos da Rede: presenza na Rede, número de citacións, grao de apertura e accesibilidade dos contidos e excelencia dos artigos dentro da súa especialidade".

Fonte: xornal.usc.es