Oficina CEER
 05-09-2012
UNHA DELEGACIÓN DA OCEAN UNIVERSITY OF CHINA VISITA A UDC

Unha delegación da Ocean University of China, de Gindhao, visitará mañá, mércores, 5 de setembro, as instalacións da Universidade da Coruña dentro do marco dunha visita a Galicia para coñecer as potencialidades do Campus do Mar, o Campus de Excelencia Internacional da UDC que lidera a Universidade de Vigo, coa fin de establecer posibles convenios de colaboración.

O vicerreitor de Investigación e Transferencia, Ricardo Cao, recibirá na Reitoría aos visitantes chineses, entre os que está o Vicepresidente de Relacións Internacionais e o Director da Oficina de Relacións Internacionais con Institucións Mariñas. Xunto co vicerreitor estará o Director do Campus do Mar e profesor da Universidade de Vigo, Emilio Fernández, o representante da UDC no Campus do Mar e director da área de transferencia do Campus do Mar, Luis Fernández, e o director da Oficina de Relacións Internacionais da UDC, Fernando Peña.

Ás 16:30 horas, a comitiva coñecerá as instalacións do CITEEC (Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil), no Campus de Elviña, e ás 18:15 horas estarán na Vicerreitoría de Ferrol e Responsabilidade Social, no Campus de Ferrol, para coñecer a investigación que se está a facer no campo da enxeñaría naval e oceánica. Os medios de comunicación que queiran acompañar á visita serán benvidos, tanto na Coruña como en Ferrol. Os puntos de encontro serán, respectivamente, o CITEEC e a Vicerreitoría do Campus de Ferrol.

Fonte: udc.es