A ASOCIACIÓN UNIVERSITARIA EMPRENDE MAS ORGANIZA UNHA SERIE DE TALLERES DIRIXIDOS Á MOCIDADE
A asociación universitaria Emprende M.A.S (Mocidade Activa e Sinerxias), xurdida na Cátedra Bancaja de Novos Emprendedores da USC, dá comezo este luns a unha serie de talleres encamiñados a fomentar o emprendemento entre a xuventude.
O programa das actividades, a desenvolver no Edificio Cersia (Avenida de Fernando de Casas Novoa, Santiago), consiste en tres talleres de dúas sesións de tarde cada un cunha sesión de outdoor e outra de networking a modo de clausura para pór en práctica as destrezas e técnicas adquiridas así como aumentar a rede de contactos das persoas asistentes.
En concreto, a vindeira semana terá lugar o taller Xestiona, no que se ofrecerán as pautas básicas de planificación e organización que poidan converter en éxito un proxecto. Os encargados de impartir esta actividade son Vanessa Alfonsín, licenciada en Administración e Dirección de Empresas pola USC e actualmente consultora xefe de Calidade da Consultoría PROYETSA, e Andrew Funk, director de comunicación de LUXIONA e fundador de English M.E.T.AS.
Os días 17 e 19 será a quenda do taller Comunica, a cargo da executiva de contas no Banco Santander Natalia Gómez, do emprendedor do ámbito da innovación e microtendencias Román Iglesias Lorenzo e do director xeral de Atlántica de Medios, Ignacio López Balboa.
O último dos talleres, denominado ‘Vende’, desenvolverase os días 24 e 28 e nel ofreceranse importantes claves sobre as novas estratexias e tendencias do márketing. Encargaranse diso a licenciada pola USC Lucía Santiago Díaz; o director comercial de VISUAL PUBLINET, Roberto Pérez Marijuán; e Montserrat Rogríguez Conesa, directora en Londres da plataforma PEXGA para a Confederación de Empresarios de Galicia.
A sesión outdoor terá lugar o 29 de setembro e o 1 de outubro rematará o programa co networking.
Emprende M.A.S.
O Club Emprende M.A.S. constituírono un grupo de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela como resposta a unhas necesidades comúns de pór en marcha un proxecto de desenvolvemento e creación de valor no ámbito do emprendemento.
Fonte: xornal.usc.es