Oficina CEER
 17-09-2012
A UNIVERSIDADE DE SANTIAGO COLABORA CON IBM NA VISUALIZACIÓN POR VEZ PRIMEIRA DE ENLACES MOLECULARES INDIVIDUAIS

A revista Science dedícalle a portada do seu último número a esta investigación na que colabora o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da USC.

O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) da Universidade de Santiago de Compostela colaborou con IBM na visualización de moléculas con resolución atómica. Os resultados do traballo, que acaba de publicar a revista Science, poderían resultar de excepcional importancia para o estudo dos dispositivos fabricados con grafeno e as súas aplicacións en ámbitos como as comunicacións sen fíos de banda ancha ou as pantallas electrónicas.

O grupo de Catálise Organometálica e Materiais Moleculares colaborou na investigación con equipos de IBM-Zurich e do CNRS-Toulouse en estudos de visualización de moléculas con resolucións da orden de 1 picometro (a millonésima parte dunha micra. Así, puideron diferenciar por primeira vez os enlaces químicos existentes en moléculas individuais empregando un microscopio de forza atómica (AFM) cunha sonda modificada.

No traballo, que é portada do último número de Science e do que son coautores Diego Peña, Alejandro Criado e Enrique Guitián, móstrase cómo este tipo de AFM permite estudar con gran precisión os diferentes enlaces dentro de moléculas individuais de determinados hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs) e nanografenos adsorbidos sobre diferentes superficies. Os enlaces individuais entre átomos evidencian pequenas diferenzas en función da estrutura global da molécula, e teñen un gran impacto nas súas propiedades optoelectrónicas e químicas.

O grupo da USC, punteiro na síntese de nanografenos O grupo do CIQUS, que dirixen os profesores Guitián Rivera, Pérez Meirás e Peña Gil, é especialista na síntese de PAHs de tamaño nanométrico. Nos últimos anos estes materiais acaparan un grande interese da comunidade científica debido ás súas propiedades únicas no campo dos materiais moleculares. Concretamente empréganse na fabricación de dispositivos electrónicos como os transistores orgánicos de efecto campo (OFETs), as células solares ou os diodos orgánicos emisores de luz (OLEDs).

A relación estrutural destes compostos co grafeno, “o material coas propiedades máis prometedoras”, explica Peña, confire maior interese á síntese e estudio destas moléculas. “As súas propiedades están estreitamente relacionadas coa distribución dos electróns na estrutura molecular, de aí a importancia de visualizar detalles con resolución atómica”, engade.

A técnica desenvolvida permitirá identificar moléculas individuais con gran precisión e observar o seu comportamento químico e físico de forma illada, de maneira que supón “unha poderosa ferramenta para controlar o noso entorno na escala atómica”, asegura Diego Peña.

Esta investigación conta con financiamento de varios proxectos europeos como ARTIST, HERODOT e CEMAS, do Ministerio español de Economía e Competitividade e da Xunta de Galicia.

O artigo científico publicado na revista Science de 14 de setembro de 2012 leva por título ‘Bond-Order Discrimination by Atomic Force Microscopy’ e está asinado por L. Gross, F. Mohn, N. Moll, B. Schuler, A. Criado, E. Guitián, D. Peña, A. Gourdon e G. Meyer.

Fonte: xornal.usc.es