Oficina CEER
 27-09-2012
OS MÁIS DESTACADOS ESPECIALISTAS INTERNACIONAIS NO TEATRO, HISTORIA E AS ARTES DO SÉCULO XVII DANSE CITA NA USC

Será nun congreso internacional que comeza este xoves no CEA.

Unha vintena de especialistas internacionais no teatro, a historia e as artes do século XVII reuniranse entre os días 27 e 29 no Centro de Estudos Avanzados da USC no Congreso Internacional ‘ Festas calderonianas e comedias de espectáculo no Século de Ouro’. O programa do encontro presentárono en rolda de prensa o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán, e o catedrático do Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, Santiago Fernández Mosquera, co organizador do encontro xunto a Alejandra Ulla, investigadora posdoutoral do University College Dublín.

Dende este mesmo xoves 27 e ata o próximo sábado 29, especialistas internacionais abordarán, dende unha óptica interdisciplinar, o estudo da festa teatral, así como a interpretación das comedias, sen esquecer a relación do teatro cortesán e os seus temas con outras artes como a pintura, pero tamén o vínculo internacional entre o teatro cortesán e a ópera italiana. Entre os conferenciantes atópanse destacados investigadores como Margaret Greer, da Duke University; Frederick de Armas, da Universidade de Chicago; Don Cruickshank, do University College de Dublín; Maria Grazia Profeti, da Universidade degli Studi de Florencia; ou José M. Díez Borque, da Universidade Complutense de Madrid.

A inauguración oficial do congreso celebrarase este xoves 27 ás 9.30 horas no Centro de Estudos Avanzados da USC presidida polo reitor Juan Casares. Deseguido, Alejandra Ulla presentará a intervención ‘A actividade teatral dun dramaturgo cortesán en tempos de luto (1665-1671)’, coa que dará comezo o programa científico do encontro.

O grupo de investigación Calderón da USC (GIC) que dirixe o profesor Luis Iglesias Feijoo e do que son membros os organizadores do congreso, conta para este encontro coa colaboración de GRISO, da Universidade de Navarra e o patrocinio de TC/12 ‘Patrimonio Teatral Clásico Español. Textos e instrumentos de investigación’, único proxecto do ámbito das humanidades de España seleccionado polo programa ministerial Consolider, do que o grupo Calderón forma parte.

Sir John Elliot.
Entre os participantes do encontro atópase Sir John Elliot, Premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais en 1996 e prestixioso hispanista recoñecido internacionalmente polas súas investigacións fundacionais sobre historia de España. O seu traballo foi xermolo doutros traballos considerados imprescindibles arredor da literatura do século XVII e o seu significado. O investigador participa como relator nunha mesa redonda sobre a interpretación política das festas calderonianas.

O Grupo Calderón da USC.
O Grupo de Investigación Calderón de la Barca (GIC) fundouse en 1994 baixo a dirección de Luis Iglesias Feijoo, co obxecto de editar as comedias de Calderón. Logo de varios anos de traballo publicaron as seis primeiras partes do dramaturgo, un total de setenta e dúas comedias editadas con criterios de fiabilidade textual nunca antes aplicados sistematicamente ao conxunto da obra de Calderón de la Barca.

Ademais da tarefa principal que supón a edición e estudo das comedias calderonianas, o GIC fomenta e mantén outro tipo de actividades que van dende a organización de cursos, congresos ou conferencias ata a publicación conxunta co grupo GRISO da Universidade de Navarra da revista monográfica sobre o dramaturgo Anuario Calderoniano (ACAL). Ademais, o GIC promove na USC o Seminario Permanente Calderón de la Barca e o seu Tempo no que impartiron seminarios e conferencias os mellores especialistas mundiais na comedia do Século de Ouro.

A actividade investigadora e formativa do grupo está recoñecida cun número crecente de proxectos de investigación por parte da administración española e galega, ademais de participar como membro fundador no grupo CONSOLIDER TC/12 que reúne aos grupos de investigación máis importantes dedicado ao estudo do teatro áureo.

Fonte: xornal.usc.es