Jonathan Juncal acadou o accésit ao Mellor proxecto fin de carreira da Fundación Universia e Vodafone.
A aplicación móbil permite aos usuarios comunicarse coa contorna a través dunha tablet ou teléfono.
Traballar para facilitar a comunicación ás persoas con discapacidade motórica ten un recoñecemento social evidente, unha finalidade gratificante e uns resultados motivadores, pero tamén ten premio. A Jonathan Juncal este premio concedéronllo a Fundación Universia e a Fundación Vodafone, que veñen de outorgarlle o galardón como segundo mellor proxecto fin de carreira pola aplicación VirtualTEC, un teclado virtual que permite interactuar coa contorna a persoas que poden chegar a vivir nun illamento case absoluto.
O proxecto deste estudante de Enxeñería de Telecomunicación, dirixido por Enrique Costa e Fátima Mª García, foi seleccionado como o segundo mellor de toda España porque favorece a accesibilidade e a integración sociolaboral das persoas con discapacidade, e a integración na vida diaria. Juncal recibe con satisfacción o 1º accésit e recoñece que “chegar á final foi suficiente, estar aquí é todo un premio”, como finalista entre os 41 proxectos presentados. O estudante destaca todo o aprendido neste proceso, non só co proxecto, senón coa experiencia de ter participado neste certame e cos proxectos posteriores nos que estivo traballando. As fundacións Universia e Vodafone outórganlle 3000 euros como segundo clasificado, para os que Jonathan Juncal xa ten destino: o mestrado de Enxeñería Telemática no que se acaba da matricular. Pola súa banda, un dos directores do proxecto Enrique Costa, subliña a importancia deste tipo de premios para dar visibilidade ao proxecto, sobre todo cando se trata dunha aplicación gratuíta e destinada a mellorar a calidade de vida das persoas con necesidades especiais.
Máis de 4200 descargas.
VirtualTEC xorde coa vista posta nunha persoa en concreto, nunha nunha rapaza que cursa Educación Primaria no CEIP Seis do Nadal de Vigo, para a que Juncal deseñou unha aplicación para tablets que lle permite interactuar cos que a rodean. Esta ferramenta é unha mostra do óptimo que resulta a colaboración entre dous campos tan dispares como a enxeñería e a pedagoxía, campos aos que pertencen os dous directores do proxecto.
O número de descargas é tamén un termómetro para medir a aceptación deste recurso comunicativo. A mediados deste mes de setembro realizáranse a través de Google Play 4253 descargas e un total de 186 descargas activas, é dicir, xente que o está empregando. Dende a web de Accegal, que reúne as aplicacións destes investigadores, realizáronse outras 78 descargas. Neste tempo o equipo seguiu traballando en melloras do sistema para adaptase ás necesidades de diversos usuarios con diferentes tipos de discapacidade.
O funcionamento dispositivo.
VirtualTEC instálase en calquera tablet ou teléfono Android, de modo que van pasando pola pantalla as diversas opcións de menú cunha cadencia que determina o usuario, entre 2 e 10 segundos. Para acceder a calquera opción pódese pulsar en calquera punto da pantalla, aumentando os puntos de contacto e a accesibilidade para unha persoa con dificultades de movemento ás que lle sería complicado limitarse a un botón. Permite acceder a letras para construír palabras e frases, a números, a símbolos e smileys, de xeito que o usuario poida expresar de xeito rápido e sintético as súas emocións. Os usuarios destacan a utilidade do menú Accións Frecuentes, que permite gardar accións máis comúns, por exemplo “teño sede”, sen necesidade de teclear. Outra das vantaxes do teclado é que se pode instalar en calquera tablet sen características especiais e conta con tres idiomas (galego, castelán e inglés) e ofrece un sintetizador de voz, que transforma en son o texto escrito polo usuario. O feito de tratarse dunha aplicación para tablets e teléfonos móbiles, elimina tamén a necesidade de que os usuarios teñan un PC preto para poder comunicarse, dotándoos de autonomía e de certa independencia.
O xermolo de Accegal.
Este proxecto fin de carreira foi o xermolo de Accegal, un proxecto de colaboración entre o Centro de Educación Especial Manuel López Navalón e o Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñería de Telecomunicación para a elaboración de solucións de accesibilidade baseadas en dispositivos móbiles. De todas as aplicación desenvoltas ao abeiro de Accegal realizáronse, como explica Enrique Costa, “15.000 descargas, das cales 4000 están activas”. Para Costa esta aceptación por parte dos usuarios “é o que máis nos motiva, facer algo útil para as persoas con discapacidade” e subliña a importancia do feedback neste proceso. “Facemos as aplicacións pensando nas necesidades concretas dunha persoa en concreto, pero a interacción cos usuarios permítenos ir mellorando e adaptando as ferramenta a diverso tivo de usuarios”, conclúe.
Fonte: duvi.uvigo.es