Oficina CEER
 03-10-2012
UNHA CONFERENCIA NA EPS DE LUGO MOSTRA AS POSIBILIDADES DE FORMACIÓN DE VIDA EN CONDICIÓNS SIMILARES ÁS DO PLANETA MARTE

O doutor Felipe García Oliva, da UNAM mexicana, afirma que o recente descubrimento de antigas correntes de auga na superficie marciana “achéganos máis a esta posibilidade”.

O doutor en Ecoloxía Felipe García Oliva, experto en bioquímica dos ecosistemas terrestres e profesor na Universidade Nacional Autónoma de México (UNAM), impartiu na Escola Politécnica de Lugo unha conferencia sobre as posibilidades de atopar vida na superficie marciana. Esta conferencia celébrase aos poucos días de que a información recompilada pola sonda Curiosity da NASA confirmase a existencia de antigas correntes de auga na superficie marciana, o que incrementa a posibilidade de que no planeta vermello se desenvolvese algunha forma de vida no pasado.

García-Oliva e o seu equipo (dirixido pola profesora Valeria Souza) levan máis dunha década traballando no val de Cuatrociénegas (pertencente ao estado de Coahuila, no norte de México), un dos lugares da Terra nos que se reproducen con maior aproximación as condicións da superficie marciana, debido á súa escasa pluviosidade, á carencia de fósforo e á abundancia de xeso (e polo tanto de xofre, ao igual que en Marte) no substrato.

Malia esta escaseza de nutrientes, Cuatrociénegas é un dos lugares con maior diversidade bacteriana do planeta, o que pode axudar a entender como a vida se desenvolve en condicións extremas. “Esta zona é un auténtico laboratorio vivente, un túnel do tempo no que se pode observar o contexto no que se conformaron as primeiras formas de vida na Terra e, ao mesmo tempo, intuír as posibilidades de que isto mesmo sucedese noutros planetas como Marte”, explica Felipe García.

Para García Oliva, “se as condicións en Marte son tan parecidas ás de Cuatrociénegas como nós cremos, e os últimos descubrimentos así o parecen corroborar, hai base para a vida, e ademais unha base sólida”.

Vida en condicións extremas.
O elemento fundamental na investigación que a UNAM desenvolve en Cuatrociénegas (e que conta coa colaboración da propia NASA) é a presenza de estromatolitos, un conglomerado de bacterias estruturadas en estratos superpostos e capaces de sobrevivir nas condicións máis extremas, cuxa liñaxe se remonta máis alá do período xurásico, hai 150 millóns de anos.

Os investigadores detectaron xa as múltiples estratexias desenvolvidas por estas bacterias para desenvolverse nun contorno no que o fósforo (esencial para a vida) é case inexistente: “O fósforo é un elemento que hai que utilizar de maneira case inmediata no proceso vital, pero algunhas bacterias son capaces de establecer algo similar a un depósito de fósforo ao que recorrer cando é preciso”, explica García Oliva, quen indica tamén que noutros casos “o que se realiza é unha substitución de fósforo por xofre para formar a estrutura da parede celular”.

Aínda se coñecen outros dous mecanismos máis para o desenvolvemento da vida nestas condicións tan adversas: a redución das cadeas xenéticas para reducir ao mínimo as necesidades de fósforo (compoñente esencial do ADN) e a capacidade dalgúns organismos para xerar fósforo onde non o hai, mediante encimas que sintetizan outros compostos químicos.

Fonte: xornal.usc.es