Oficina CEER
 04-10-2012
A COMPAÑÍA DE DANZA DA USC EN LUGO SERÁ A ENCARGADA DE ABRIR AS ACTIVIDADES COREOGRÁFICAS DAS FESTAS DE SAN FROILÁN

O grupo dirixido por Juan Carlos Zahera representará o xoves 4 a peza A escoita do corpo a carón da Porta de Santiago da muralla lucense.

A Compañía de Danza da USC en Lugo será a encargada de abrir simbolicamente a Porta de Santiago da muralla da capital lucense na primeira xornada das festas de San Froilán deste ano. O xoves 4 ás 20.00 horas, xusto despois do pregón inaugural, a compañía dirixida por Juan Carlos Zahera representará a peza A escoita do corpo, que o propio Zahera define como “ unha viaxe polo noso mundo interior a partir do latexo do corazón”.

As intérpretes son as bailarinas da compañía Alba Fernández, Andrea Loureiro, Mª José Pérez e Elvira Rúa, mentres que a coordinación coreográfica é responsabilidade de Rosa Acuña, coa asesoría teatral de Gustavo Fouce. O texto e a voz en off corren a cargo de Lola Fernández, e da edición musical encárgase Miguel Basanta.

Nesta edición do San Froilán a danza será o elemento en común na simbólica apertura que se realiza de cada unha das portas da muralla lucense, logo de que o ano anterior fose o teatro a arte homenaxeada. Ademais da achega da Compañía da USC, ata o remate das festas o día 12 haberá espectáculos diarios de danza por parte das diferentes escolas e colectivos coreográficos da cidade.

Fonte: xornal.usc.es