Oficina CEER
 08-10-2012
RESPONSABLES DO OBSERVATORIO ASTRONÓMICO DA USC DARÁN CONTA DA INVESTIGACIÓN SOBRE O BÓLIDO AVISTADO EN GALICIA EN AGOSTO

O pasado 9 de agosto, ás 21.17 horas, tivo lugar o paso dun bólido diúrno que se viu perfectamente dende boa parte de Galicia. Dada a expectación creada, o Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC iniciou de oficio unha investigación na que tamén participaron os membros da Rede Española de Bólidos e Meteoritos José María Madiedo, da Universidade de Huelva, e Josep María Trigo, da Autónoma de Barcelona.

Os resultados do estudo serán presentados este martes 9 en rolda de prensa por José Ángel Docobo Durántez e Pedro Pablo Campo Díaz, membros do equipo de investigación do Observatorio Astronómico María Aller da USC. Será ás 11.00 horas na Sala de Prensa do Colexio de Fonseca.

Nesa rolda de prensa explicarase qué son os bólidos e os meteoritos e mostrarase unha simulación da traxectoria do do 9 de agosto dende tres puntos da xeografía galega. Ademais, darase conta do labor que realiza a Rede de Bólidos e Meteoritos coas distintas estacións espalladas por toda a Península.

Fonte: xornal.usc.es