Oficina CEER
 09-10-2012
A UNIVERSIDADE DE VIGO ACHEGA O SEU POTENCIAL INVESTIGADOR AO LABORATORIO EUROPEO DE REFERENCIA DE BIOTOXINAS MARIÑAS

Ao abeiro do acordo asinado entre o reitor e a secretaria xeral de Sanidade.

A catedrática Ana Gago encargarase da dirección científica deste organismo.

No mes de maio o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas comezou a traballar na súa nova sede no campus de Vigo e agora a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición amplía o papel da Universidade neste proxecto encargándolle a dirección científica do mesmo. Así o confirmaron este luns o reitor, Salustiano Mato, e a secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, coa sinatura dun contrato que encarga a coordinación á catedrática Ana Gago.

Segundo explicou o reitor, este contrato “consolida algo tan importante para España como o Laboratorio Europeo de Referencia de Biotoxinas Mariñas e este paso que está dando o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade é fundamental porque asegura que o laboratorio de referencia para Europa estea en España, en Vigo”. A secretaria xeral de Sanidade, Pilar Farjas, explicou que culmina así a primeira fase deste laboratorio, cunha inversión que supera o medio millón de euros converténdose “nun dos 44 de referencia que ten a UE e un dos 26 que xa ratificou o nivel de excelencia na última auditoría”.

A Universidade, reforzo de excelencia.
O encargo da dirección científica á Universidade, baixo a coordinación da catedrática Ana Gago, significa, segundo Farjas, contar “co soporte de investigación, innovación e coñecemento da Universidade e permitirá estreitar os lazos de excelencia entre ambas institucións así como reforzar o laboratorio ante as institucións europeas”.

Unha vez garantida a estabilidade do laboratorio, agora ábrese unha segunda fase de traballo na que, segundo explicou a secretaria xeral, “cómpre avanzar en proxectos concretos de investigación e esta é a achega maior que fai a Universidade a este laboratorio do Goberno de España”. Isto débese a que a Unión Europea esixe que, como laboratorio de referencia, conte cun nivel de experiencia constatado, de capacidade investigadora e de coñecemento científico para manter o estatus de referencia europeo. No tocante ao financiamento, Pilar Farjas fixo fincapé en que a Unión Europea achega 300.000 euros, unha terceira parte do total, polo que destacou a importancia do esforzo “para captar este tipo de fondos europeos para proxectos de excelencia en Galicia e en España”.

Funcións do laboratorio.
Como laboratorio de referencia europeo, o laboratorio de biotoxinas mariñas ten a responsabilidade de liderar a posta a punto de técnicas e métodos analíticos; facer os controis de calidade dos laboratorios nacionais dos países da UE; establecer cursos de formación para os responsables deses laboratorios e apoiar ás decisións dos gobernos dos 27. “É un laboratorio que apoia ao resto de toda a infraestrutura de control de seguridade alimentaria de laboratorios españois e dos do resto da UE”, puntualiza Farjas. Este proxecto é estratéxico para España como primeiro produtor de moluscos de Europa, representando a súa produción preto do 40% do total da UE e o 20% da do mundo. Neste marco, Galicia é a comunidade autónoma de referencia, co 95% da produción nacional . Da man deste sector tamén foi crecendo a produción científica e o I+D+i neste eido de coñecemento, unha excelencia investigadora que agora se pon ao servizo do laboratorio de referencia europeo.

Fonte: duvi.uvigo.es