Oficina CEER
 09-10-2012
FORMACIÓN GRATUITA PARA NON PERDER O FÍO DAS NOVAS TECNOLOXÍAS

A Casa das Campás abre matrícula para o primeiro dos catro cursos cuadrimestrais da súa aula informática.

Esta formación gratuíta busca achegar á cidadanía as oportunidades educativas do software libre.

A Vicerreitoría do campus de Pontevedra abriu este luns o prazo para o primeiro curso do seu programa formativo na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás. Unha formación complementaria para o primeiro cuadrimestre “moi técnica especializada” que pretende mellorar o nivel de alfabetización dixital da cidadanía pontevedresa “ofrecendo seminarios prácticos e útiles sobre temas de actualidade”, explica o profesor Alberto García Ariza, coordinador da Aula Tecnolóxica. Unha aprendizaxe gratuíta sobre recursos web, programación ou deseño de contidos educativos que aproveita as potencialidades do software libre dispoñible na rede e cuxa inscrición pode facerse efectiva a través da plataforma virtual Bubela.

Para este primeiro cuadrimestre a Vicerreitoría mantén a oferta de cursos do pasado ano “pois quixemos centrarnos naquelas persoas que quedaron en lista de espera”, aclara García Ariza que lembra a gratuidade dos seminarios, “un esforzo que se debe agradecer, sobre todo nos tempos que corren”, engade. Optouse pola continuidade “porque segue a ser unha oferta moi demandada e de temas totalmente actuais”, sinala o coordinador que si que anuncia novidades para o programa de cursos do segundo cuadrimestre.

Unha formación especializada.
As tecnoloxías dixitais, aínda que seguen sendo denominadas como novas tecnoloxías, “xa levan con nós moito tempo”, apunta Ariza, de aí que se decida por seminarios especializados “pois os coñecementos sobre informática están consolidados e xa non son tan necesarias as ofertas xeralistas”. Precisamente esta especificidade, unida á gratuidade dos cursos, provocan unha importante demanda “e que cada vez que abrimos matrícula tarde literalmente minutos en cubrirse”. Os catro seminarios deste primeiro cuadrimestre céntranse na produción de contidos no ámbito web, docente e de programación.

Este luns 8 de outubro abriuse o período de preinscrición no curso jClic, creación de actividades educativas, unha aplicación de libre adquisición que achega unha contorna multimedia para a creación, realización e avaliación de recursos educativos, “pensada para os profesionais da educación coa que poden crear aplicacións didácticas e interactivas”, como puzzles ou xogos de memoria e que se comezará a impartir a partir do 16 de outubro.

O seguinte seminario que se celebrará na Aula Tecnolóxica da Casa das Campás abrirá o seu prazo de matrícula o vindeiro 5 de novembro para afondar no deseño de páxinas web con recursos gratuítos. “Neste curso aprenderemos en pouco tempo a crear o noso propio sitio na rede, aproveitando editores de código aberto, accesibles para todo o mundo e de sinxela comprensión”. O 8 de novembro estará aberto o período de inscrición para o curso sobre programación, que ten como obxectivo achegar ao alumnado os conceptos básicos da programación informática a través dunha linguaxe fácil, de utilidade para a creación multimedia, o deseño gráfico, a escena artística, a representación de datos ou para a creación de sinxelas simulacións de conceptos matemáticos, físicos ou xeométricos. O último curso resérvase para o mes de decembro que versará sobre maquetación e aparencia física de calquera proxecto virtual.

Fonte: duvi.uvigo.es