Oficina CEER
 16-10-2012
A UDC INAUGURA HOXE O FORO XUVENTUDE EN MOVEMENTO

A Universidade da Coruña e Europe Direct, da Deputación da Coruña, organizan o Foro Xuventude en Movemento que terá lugar os días 16, 17 e 18 de outubro no campus de Elviña.

Este foro preséntase cun innovador formato, un programa moi atractivo e ameno e diferentes obradoiros para afondar no apoio ao estudantado, aos titulados e tituladas e aos novos emprendedores e emprendedoras na procura de formación axeitada ás necesidades do actual mercado laboral, na busca activa e efectiva de emprego e no emprendemento para todos aqueles que desexen lanzarse á aventura empresarial.

Así, susténtase sobre tres alicerces fundamentais: formación, emprego e emprendemento, e está aberto non só á comunidade universitaria, senón tamén a persoas interesadas en incrementar as súas habilidades de comunicación, en estudar ou desenvolver a súa profesión noutro país da Unión Europea e todas aquelas que desexen pór en marcha o seu proxecto. E todo cun formato ameno, directo e no que se incluirán numerosos obradoiros, performances e actividades lúdicas.

As sesións desenvolveranse baixo o lema “Emprégate a fondo, participa, emprende o teu futuro”, e cada unha das xornadas estará vinculada a un deses tres elementos. Centrada no primeiro deles, “Emprégate a fondo”, a sesión inaugural comezará mañá, día 16 de outubro, ás 10.00 horas na Facultade de Economía e Empresa coa inauguración oficial a cargo da vicerreitora de Estudantes, Deportes e Cultura, María José Martínez; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, e o decano da Facultade de Economía e Empresa, Anxo Ramón Calvo. A continuación sucederase a presentación da iniciativa interxeracional titulada “La Abuela Europea”, a cargo da Universidade Sénior da UDC. O acto inaugural pecharase cunha coreografía a cargo da Aula de Danza da UDC.

As restantes sesións desenvolveranse en dúas sedes compartidas: a Facultade de Economía e Empresa e o Pavillón de Estudantes, concretamente no Finder (punto de encontro para estudantado estranxeiro). Na Facultade desenvolveranse a partir das 10:45 horas diversos obradoiros dedicados a persoas que queiran traballar noutros países da Unión Europea, os recursos para a busca de emprego nos concellos de A Coruña e Ferrol. No pavillón celebrarase unha charla sobre os perfís máis demandados polos directores de recursos humanos.

Na segunda xornada, que se celebrará o 17 de outubro, os temas vincularanse ao lema “Participa a tope”, e comezarán cunha sesión sobre a procura de bolsas, prácticas ou voluntariado, para continuar co seminario titulado “Dime a onde vas e saberás como”, no que se presentará un modelo de planificación de carreira para axudar na identificación e consecución dos obxectivos profesionais. No seguinte seminario, ofrecerase asesoramento sobre simulación de entrevistas de traballo. Tamén se celebrarán sesións sobre a busca de emprego en inglés ou o voluntariado europeo. Un dos obradoiros máis atractivos será o titulado “Como darlle forma ao que teño na cabeza”, no que aproveitando unha historia ficcionada, seguiranse unha serie de fitos que van desde a idea ata o proxecto de éxito. Finalmente, na xornada do 18 de outubro, centrada no tema “Emprende o teu futuro”, ofreceranse obradoiros como o titulado “Atopar traballo vs. Poñer en marcha o meu proxecto”, no que dous expertos realizarán unha análise comparada destas dúas vías de desenvolvemento profesional. Tamén ofreceranse seminarios sobre como obter financiamento para ideas empresariais e realizar un plan de empresa, e falarase a nivel práctico de experiencias de éxito no eido do emprendemento, concretamente das spin off do Viveiro de empresas da UDC. Nesta sesión falarán da súa experiencia diversos emprendedores que puxeron en marcha a súa idea. O obradoiro de clausura levará por título “Impulsando emprendedores: un soño feito realidade”.

Máis información: http://xuventudeenmovemento.eu/